O goberno central responde ao BNG que alugará ou venderá o ambulatorio

O antigo ambulatorio

O antigo ambulatorio

O goberno do PP no Estado négalle ao Concello de Betanzos o uso do antigo ambulatorio. En resposta a unha iniciativa do BNG, o goberno español asegurou que “vén realizando actuacións encamiñadas á súa explotación, mediante o seu arrendamento para a instalación de dependencias administrativas e atención ao público”. O goberno español respondeu ao BNG que “o inmoble, ao pertencer ao patrimonio da seguridade social, está afecto aos seus fins”. Por este motivo, engaden, “os beneficios que poidan obterse, xa sexa pola súa explotación ou xa fora pola súa alienación, deben ser destinados aos fins propios desta”.

Os nacionalistas lamentan que o goberno do PP se negue a ceder ao Concello de forma gratuíta e para uso público este edificio levantado con cartos de todas e todos. “O goberno español está recoñecendo que busca arrendar o edificio a unha empresa privada para que faga negocios con el ou mesmo vendelo”, indicou o voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río. “A ‘instalación de dependencias administrativas e atención ao público’ da que fala o PP na resposta tanto é unha oficina oficial como unha xestoría particular”, explicou o edil do BNG. “Nin sequera se molestaron en responder en que prazos contemplan a venta do edificio a pesar de que din que os cartos que saquen por vendelo teñen que destinalos á Seguridade Social”, engadiu.

Desde o BNG cuestionaron a intención do goberno español de cobrarlle unha renda ao Concello de Betanzos polo uso do antigo ambulatorio. “A situación financeira de moitas corporacións locais é difícil e non poden asumir un alugueiro ou proceder á adquisición dunha propiedade pública”, indican os nacionalistas. Insisten en que os bens públicos deberían revertir socialmente en beneficio de todos os contribuíntes.

Segundo indican os nacionalistas, no pleno do pasado mes de febreiro o alcalde deu a entender que o goberno central pedíralle que lle identificasen un posíbel comprador para o antigo ambulatorio toda vez que o Concello declinaba pagar unha renda pola posesión do edificio.