O goberno Barral volve a sacudir en campaña a cesión do clube náutico do porto

O porto betanceiro

O goberno Barral segue decidido a utilizar electoralmente a complicada situación do clube náutico Ría de Betanzos a conta da cesión do edificio que a Xunta contruíu hai anos na entrada da zona portuaria brigantina. Como acontecera xa na precampaña das eleccións municipais, novamente o clima electoral fai que o goberno socialista utilice ao clube e a súa situación para arremeter contra o goberno galego.

O edil de deportes, Andrés Hermida, que casualmente tamén é candidato do PSOE ao Parlamento de Galicia, asegura nunha nota de prensa que desde 2019 Portos non se volveu reunir con eles e critica a “falta de resposta” sobre a solicitude de xuntanza.

Sen novidades sobre a mesa, o edil e candidato do PSOE critica no comunicado de prensa remitido polo gabinete municipal e publicado no web oficial do Concello que “asados cinco meses desde entón, case seis, e un ano desde o último encontro co anterior presidente, a situación segue sendo a mesma e o deixamento por parte de Portos para abordar este tema é máis que evidente”, indica o edil.

Hermida demanda que “Portos diga se a formulación de cesión do edificio realizado no seu día polo goberno local e a súa solicitude de cesión ao Concello é posible para evitar que o Club de Piragüismo teña que seguir pagando 12 000 euros anuais ao ente autonómico”. “A día de hoxe e ante a falta de noticias, o edil volve dirixirse a Portos para analizar esta situación e poder expor e fixar unha colaboración entre as dúas administracións “coa finalidade de resolver esta situación” conclúe o comunicado oficial.

Non hai noticia nin novidade algunha, mais nas últimas semanas o executivo local parece estar buscando todas as fontes de conflicto posibles coa Xunta, nunha estratexia marcadamente electoral. A isto responde tamén que, logo de anos loubando o compromiso da Xunta coa renovación da traída, a pasada semana a Barral lle entraran présas e emitise outro comunicado contra o goberno galego. Esta liña foi un clásico no enfrontamento partidista entre PSOE e PP cando Lagares e Pita dirixían ambas formacións, e parece que Barral aposta por recuperar este lío.