O goberno Barral tivo un mes para preparar e solicitar a subvención que evitou pedir

Barral nun acto de campaña cos edís de Réxime Interior (Diego Fernández, esquerda) e Medio Ambiente (Antonio Vázquez Lorenzo, dereita). Foto do PSOE

A subvención provincial que o goberno Barral non pediu para afrontar actividades ambientais apareceu coas bases completas publicada no BOP do 16 de abril. O prazo de presentación de solicitudes abriuse moi posteriormente, o 30 de abril e permaneceu aberto ata o 16 de maio. En total, entre que as bases se coñeceron ata que acabou o prazo, un mes para estudar o contido das bases e presentar apenas unha memoria coa actuación proposta, un orzamento de gastos e o compromiso de usar o galego en toda a documentación que a axuda xenerase e de participar nas accións formativas da Deputación en materia ambiental.

Dentro do prazo de solicitude de dita axuda, o goberno local celebrou dúas xuntanzas da xunta de goberno local, os días 25 de abril e 9 de maio. Segundo as actas publicadas no portal web municipal, nestas xuntanzas quincenais abordáronse parcelacións, escritos de trámite de xulgados, contratos menores, devolucións de avais e unha exposicion da Escola Municipal de Folclore (EMUF). En ningunha destas xuntanzas miráronse novos proxectos por parte dun goberno que estaba xa de pleno inmerso en campaña electoral. Se a trataron nas xuntas de goberno deliberativas- que se celebran semanalmente e que tamén son retribuídas- non se coñece porque o goberno local non publica esas actas deste outro órgano municipal.

A axenda do goberno local contiña outras citas naquelas datas, a xulgar polo propio contido do web institucional e das redes sociais municipais. O diario da alcaldesa, prolixamente detallado nos medios de comunicación municipais neses meses, consistía en repartir premios e recoñecementos e logotipos do 800 aniversario, anunciar os concertos das festas de San Roque e comprometer obras. Campaña electoral desde as institucións públicas que non contemplaba a posibilidade de buscar novos ingresos para o Concello, por magros que fosen, a xulgar pola propia axenda e os acordos da xunta de goberno local.

O responsable de medio ambiente no primeiro goberno Barral era o daquela edil Antonio Vázquez Lorenzo, que nesas datas estaba inmerso na campaña electoral ás Cortes Xerais na que saíu eleito senador. A campaña acabaría o propio 28 de abril, pero a resaca ao parecer impediu consultar os diarios oficiais nos días sucesivos. E non sería por proxectos susceptibles de incluírse na convocatoria, pois o pleno aprobara numerosas propostas da oposición para promover enerxías renovables, compostaxe comunitario nas parroquias, eliminación de especies invasivas, erradicación de velutinas,… Tan só era redactar unha memoria que, en boa medida, mesmo podía aproveitar parte do traballo dos grupos da oposición plasmado nas propias iniciativas.