O goberno Barral négase a publicar os datos de incidencia da covid19 en Betanzos

O goberno local resístese a informar no web e nas redes sociais municipais do incremento de incidencia da covid19 en Betanzos, que en sete días pasou a alerta amarela segundo os datos que publicou a Xunta. Ata o momento, a única información ofrecida polo goberno de María Barral foi anunciar que o positivo detectado nunha aula dunha escola infantil non fora na municipal, sinalando á da rede pública galega.

De feito, nin cando afectou a persoal da concesionaria do servizo de axuda no fogar (SAF), que atende a persoas de risco elevado, nin cando houbo persoal municipal en corentena o goberno local fixo públicas estas circunstancias, e se se posicionou foi porque prensa, usuarios e BNG exixiran explicacións e garantías no SAF. Tampouco deu explicación algunha, nin nas redes sociais oficiais do Concello, nin a rexedora na súa conta de twitter, cando dous edís socialistas foron sorprendidos saltándose a normativa do estado de alarma aprobada para controlar a expansión da pandemia. Neste último caso, Barral e o seu executivo agacháronse durante días esperando que amainara unha tormenta que o PP sacudiu ata que forzou que o PSOE retirase a Hermida da candidatura ao Parlamento de Galicia.

Nas últimas semana, a voceira do BNG, Amelia Sánchez, advertía de que “son moitos os aspectos da pandemia da Covid-19 que descoñecemos, mais se hai algunha certeza, é que só conseguiremos saír adiante desde a transparencia e a información detallada á veciñanza”. Neste sentido, a nacionalista demandaba “ao goberno local e á Xunta que fagan públicos os datos de número de casos confirmados no noso concello, mantendo alerta a poboación e impedindo que esta se confíe na loita contra o virus”.

Esta é a única comunicación sobre incidencia da covid19 publicada polo goberno local na “nova normalidade”: facebook do Concello

Porén, a rexedora, que se sumara a varios comunicados da FEGAMP exixindo transparencia á Xunta e a publicación dos datos da incidencia da enfermidade por concellos na súa calidade de vicepresidenta executiva da federación, agora silencia os datos. Nin sequera cando xa finalizou a Semana da Tortilla- que moitas voces cuestionan que se celebrase no actual contexto sanitario- o goberno Barral publicou nos medios ao seu alcance a información ofrecida pola Xunta, contribuíndo a espallar unha falsa sensación de seguridade que pode levar a baixar a garda, como advertían os profesionais sanitarios ao goberno galego para demandar a publicidade dos datos.

A opacidade do goberno Barral neste aspecto contrasta co exemplo de transparencia que ofrece o Centro Pai Menni desde o inicio da pandemia, cun apartado no seu web onde informa dos casos detectados e da evolución da enfermidade, ou coa actitude adoptada polo goberno, tamén do PSOE, de Bergondo, que actualiza datos para facer ver á veciñanza a realidade da pandemia a carón das propias vivendas.

Falece unha usuaria de Pai Menni

Unha usuaria do centro Pai Menni de 53 anos faleceu no hospital da Coruña a causa da covid19, segundo informou onte a Xunta no seu parte diario. Foi o peor día da segunda vaga da pandemia.

A Xunta limita a dez persoas as reunións sociais e familiares

Tras constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares, a Consellaría de Sanidade acordou na tarde do luns prohibir as reunións en todo o país, tanto as públicas como as privadas, a un máximo de dez persoas. Comunicouno na noite do martes a proposta do comité clínico que fai seguimento da evolución da Covid-19. A medida, publicada onte no Diario Oficial da Galiza (DOG), entrará en vigor desde as 00 horas da quinta feira, día 15 de outubro.