O goberno Barral aprobou a días das eleccións o pago das subvencións a entidades de 2019

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Persoal, nun desfile

O goberno Barral decidiu asinar os convenios das subvencións nominativas do pasado ano 2019 a un mes das pasadas eleccións autonómicas. En dúas xuntas de goberno local (o 28 de maio e o 25 de xuño) que non foron feitas públicas ata o mes de xullo, o executivo socialista aprobou os convenios coas entidades que determinou, sen criterios obxectivos públicos, ao aprobar o orzamento do pasado ano.

Era o primeiro paso, e en dez días hábiles, segundo recollen os acordos, terían que asinar os convenios. Isto sitúa esta sinatura ou ás portas ou dentro da campaña electoral do pasado mes de xullo. En comicios anteriores, nomeadamente municipais, o PSOE optou ademais por utilizar en clave electoral esta sinatura con fotografía de acto de sinatura masivo, un extremo que nesta ocasión non se deu. Ou, cando menos, aínda non tería divulgado o gabinete municipal de prensa.

Os edís socialistas que fan parte da xunta de goberno local aprobaron este trámite a pesar do informe en contra da Intervención municipal. O documento non é público, mais en todas e cada unha das subvencións que o grupo de goberno do PSOE aproba con informe en contra repítese o mesmo: “Informe da Intervención municipal de data 19 de maio de 2020 que conclúe: “Tendo en conta todo o que se indica anteriormente, esta Intervención FISCALIZA DESFAVORABLEMENTE, a concesión da subvención (…) para financiar as actividades do 2019 ao supoñer a quebra do principio de anualidade orzamentaria.” .

O tal principio de anualidade orzamentaria, como explica o Ministerio de Hacienda nun dos seus manuais de acceso público, supón que os créditos consignados no orzamento autorizaranse por un exercicio orzamentario; a duración do exercicio orzamentario coincidirá co ano natural. Isto é, que os cartos previstos para gastar en 2019 en subvencións nominativas teñen que gastarse nese 2019.

A proposta para incumprir dito principio e iniciar os trámites para pagar as subvencións do 2019 no segundo semestre do ano seguinte parte, segundo recolle a acta, do edil de Facenda, Persoal e Obras, Diego Fernández. Aválana tanto a alcaldesa como a totalidade dos tenentes de alcalde.

Incumprindo a ordenanza de transparencia que obriga a detallar os compromisos

O contido de cada un destes convenios é imposible de ser coñecido. Nos acordos recollidos nas dúas actas da xunta de goberno que aproba iniciar os trámites non figuran. Pero tampouco, incumprindo tanto a Lei de Transparencia como a ordenanza que aprobou no seu día o propio executivo local do PSOE, aparecen publicados os datos mínimos relativos a importe, obxectivo ou finalidade e beneficiarios que, segundo a ordenanza en vigor, o goberno local debería ter publicado de motu propio. Curiosamente, a única ordenanza municipal en vigor que o goberno local non ten publicado no repertorio de regulamentos vixentes do web municipal.

Sen subvencións para o resto de entidades desde 2017

Mentres isto acontece, o goberno do PSOE leva desde 2017 sen convocar a orde de axudas pública á que teñen que concorrer as restantes entidades do munuicipio que os socialistas non escolleron a dedo como beneficiarios do groso dos cartos que o Concello destina ao tecido asociativo.

Á hora de aprobarse o orzamento de 2020, desde o BNG advertiron que “nas bases de execución da proposta de orzamento para o vindeiro ano o goberno local incrementa até os 168905 euros os gastos en subvencións nominativas mentres leva desde o 2017 sen convocar as subvencións ás que todas as entidades poderían optar. “Do Plan de subvencións que esixe a lei e que se comprometeron a elaborar hai 2 anos non volvemos saber nada”, engadiu, “ademais retíranlle a subvención nominativa á ANPA do CEIP Vales Villamarín, despois de crear outra asociación que xestione as actividades extraescolares” abundaban na altura.