O executivo socialista firma convenios con entidades culturais sen convocar as subvencións de 2018

Un intre da sinatura de convenios con entidades asistenciais. Foto do twitter de APEM

Repetindo o esquema de hai unhas semanas pero variando o escenario, o goberno local volveu asinar convenios con entidades na sala de xuntas do Edificio Arquivo. Alcaldesa e edil de cultura xunto a representantes de Amigos da Banda, Coral Polifónica e CIEC subscribiron as axudas “a dedo” para este 2019.

Barral repite o esquema que xa utilizara Ramón García retratándose ás portas da campaña electoral asinando convenios con entidades culturais, sentando nun acto convocado para os medios de comunicación.

Estas axudas públicas, asignadas directamente polo executivo local, asináronse todos os anos deste mandato sen celebrar un acto deste tipo, xa que a sinatura non deixa de ser un requisito administrativo.

Os criterios polos que se outorgan estas axudas non pasan de ser as entidades que o PSOE, e as forzas da Marea que apoiaron as contas (BeC e Betanzos Novo) elixiron. O executivo local, contra o que establece a Lei de Transparencia, négase a informar no web de transparencia municipal sobre os cometidos que se busca cumprir mediante a colaboración con estas e outras entidades.

A proba de que o acto non era a simple formalidade da sinatura dáo a nota de prensa remitida polo executivo local, na que a rexedora desfaise en eloxios ás entidades que o seu goberno elixiu como destinatarias de fondos públicos sen ningún tipo de contraste dos proxectos a desenvolver.

No entanto, o goberno local deixou acabarse o ano 2018 sen convocar a orde de subvencións á que se teñen que acoller todas as entidades que non elixiu para asignarlles fondos públicos directamente.

“Segundo os orzamentos en vigor, 18 entidades repártense 127 000 euros, o que dá uns 7055.55 euros de media para cada entidade, mentres que ás outras 65 que había cando se aprobaron as contas tócalles repartirse 25 000 euros, que dá 384,61 de media” denunciaban os nacionalistas recentemente, cuantificando o volume desta discriminación entre entidades levada a cabo polo goberno do PSOE.

Entre as entidades que levan subvencións sen pasar por ningún trámite de concorrencia pública están Amigos do Casco Histórico ou Amigos de la Banda, pero outras entidades culturais similares e cunha actividade consolidada ao longo do ano non. O pasado 2018 quedaron sen subvención municipal pola decisión do executivo local de tratar a unhas e outras de maneira totalmente diferente. “A esencia da democracia é precisamente tratar por igual a todas as persoas e non utilizar as normas para beneficiar ou castigar a quen conveña discrecionalmente”  censuraron hai un mes os nacionalistas.