O Entroido, co programa de sempre, desaparece como festa do web municipal

O entroido desapareceu como festa betanceira no web municipal


A programación deseñada polo goberno local para o Entroido que se aproxima cae na repetición e na falta de imaxinación que ven sendo tónica habitual. Festas infantís nos locais sociais de barrios e parroquias, baile da terceira idade, verbena popular no Campo e mais Enterro da Sardiña son os actos previstos e incluídos na axenda cultural municipal para o marzo que xa asoma no almanaque.

O ano pasado o renovado web municipal recollía unha serie de esaxeracións a conta do entroido en Betanzos, prometendo actos “masivos” e “desfiles de comparsas e carrozas” que non existen. Este ano, toda referencia a unha das festas máis antigas do pobo galego desaparece do web municipal. Coa desaparición do festivo local tradicional do Martes de Entroido, desapareceu a festa do web.

O programa de actos é un calco do dos últimos anos, ao punto de poder mudar nada máis que os días de celebración e aproveitar o cartaz dun ano para outro. As festas infantís nos locais sociais (domingo 24 de febreiro, Xanrozo, 25 na Ribeira, 1 marzo na Condesa, día 2 en Piadela, Guiliade e CEIP Vales Villamarín, luns 4 na Ponte Vella) darán paso ao baile da terceira idade na Aula de Cultura o Luns de Entroido e á festa infantil no Edificio Arquivo o Domingo, á que seguirá a verbena no Campo, deserta o pasado ano.

A única novidade será o sábado, co survival zombie, mestura de xincana e xogo de rol que o pasado ano tivo lugar en Sada.

Rematará o mércores 6 de marzo co Enterro da Sardiña, que arrincará ás 20:00 h coa saída do edificio Liceo da Comitiva Fúnebre, como sempre desde o Edificio Arquivo para a súa queima no Malecón e volta ao Campo para queimar o Momo.