O día 15 arrinca unha nova Semana Internacional de Cine

O equipo da Semana Internacional de Cine coa concelleira de Cultura (centro). Imaxe da Semana Internacional de Cine

A Semana Internacional de Cine de Betanzos, que chega este ano ao seu XIX edición, celebrarase entre o 15 e o 19 de xullo. O festival, baixo o lema “Un cine comprometido” homenaxea nesta ocasión á directora Isabel Coixet.

Durante a semana proxectaranse no Alfonsetti as 13 películas da cineasta catalá, títulos tan recoñecidos por público e crítica como “Mi vida sin mi”, “La vida secreta de las palabras” e “La Librería”:

As proxeccións incluirán tamén algúns dos documentais rodados pola homenaxeada como “Escuchando al juez Garzón” ou “Talking about Rose. Prisoner of Hissene Haberei”, cinta de marcado carácter feminista que utiliza a directora para denunciar os abusos sociais e políticos do ditador Hissene Haberei en Chad nos anos 80.

As películas serán presentadas e comentadas por especialistas na materia como Miguel Anxo Fernández, crítico cinematográfico e director do Ourense Film Festival ( OUFF), María Donapetry, profesora da Universidade de Oxford e autora do libro “Toda ojos”, sobre o papel das mulleres no mundo do cinema, o escritor Manuel Rivas ou Xesús Fraga, xornalista e escritor betanceiro.

Alfombra vermella con “Elisa e Marcela”

O 18 de xullo celebrarase a alfombra vermella e gala de clausura na que se lle entregará a Isabel Coixet o premio da Semana Internacional de Cine de Betanzos. A continuación,
proxectarase a aclamada “Elisa y Marcela”, último filme da galardoada.

A película será comentada por Ramón de España, escritor e cineasta, Narciso de Gabriel, profesor da UDC e autor do libro Elisa e Marcela no que se inspira a cinta, e Zaza Ceballos, coproductora de Zenit TV e homenaxeada tamén por este festival nunha das súas edicións anteriores.