O deterioro do Pasatempo alcanza tamén á parte nova sen valor artístico

O deterioro do parque do Pasatempo vai moito máis alá da decrepitude da súa zona histórica a causa de anos de abandono. O mesmo abandono corroe estruturas na parte nova do recinto, que non suma aínda 30 anos a pesar do anuncio recente de repintado e amaño parcial de randeeiras e xogos infantís realizados polo goberno local.

Antes do confinamento, o inverno derrubou un salgueiro no extremo do estanque baixo máis próxima a esta área de xogos. Aínda segue alí: prendeu, parcialmente derrubado, bebendo directamente das augas, impedindo o paso dos parrulos pola súa zona de baño. Non é o único elemento que entorpece ás anátidas: o fondo do estanque viuse drasticamente reducido debido ao acopio de lixo sumerxido, que deixa por zonas o fondo apenas nuns cantos centímetros. Iso si, a vida subacuática será vizosa.

A controvertida pasarela de ferro chamada a unir o parque coas Escolas do Asilo naquel proxecto auspiciado polo goberno do PSOE que nunca a cabo se levou continúa o seu proceso de descomposición. O polémico medio millón de euros que o goberno socialista pretendía gastar en reparar un tercio do seu trazado segue no limbo. Pero real é tamén un cartel e valla que cortan o paso á zona monumental baixo o anuncio dunhas obras de recuperación inexistentes.

O que si é real, pola contra, é a corrosión estrutural dos principais elementos da parte nova: o auditorio presenta os forxados de ferro á intemperie e enferruxados. O templete da illa central, que fora gaiola para ducias de especies de aves cando o parque novo abriu as portas hai case tres décadas, ten cornixas podres e soltas, pavimento de mármore solto, ferraxes ao aire. A placa central do auditorio repisou por varios lugares e os escuros e húmidos aseos baixo a grada non merecen, nin de lonxe, alcume de servizos sanitarios. O goberno local ía amañalo nun “en breve” tan inconcreto como etéreo que se esvaeu nalgunha dimensión paralela do espazo-tempo.

Nos xardíns da parte baixa hai tempo que as malas herbas ou algo que se asemella ao céspede substituíu aos parterres e o labirinto de tullas, que dixeron calcaba o trazado do desaparecido labirinto de buxo orixinal, os corredores, atallos e pasos novos abríronse a medida que as árbores que o compuñan foron secando e desaparecendo ata desvirtuar completamente o seu deseño. Á beira dos estanques o pavimento é un perigoso aliado do transeúnte, e non só porque os figos se amoreen no chan nesta parte do ano.

O hórreo de estilo Morrazo situado a carón do mesmo estanque ten as ideas ao aire, pois desapareceron as tellas que o cubrían, afectando ao pequeno entramado de madeira que o compón. Pronto podería seguir o destino de irmáns adoptivos máis vellos, coma os restos do animal desprendido hai anos do Estanque da Gruta, que seguen amoreados a carón do auditorio sen protección algunha. Por non repoñer, o executivo local é incapaz de repor árbores secas, sebes arruinadas ou a parella de cisnes que alguén, nalgún momento, decidiu levar para casa, entre outras especies.

Para defender a súa inacción diante do deterioro da parte monumental do Pasatempo o executivo socialista argumentou, durante anos, que non podía actuar mentres non se resolvese a tramitación da solicitude de declaración do parque enciclopédico coma Ben de Interese Cultural (BIC). Despois, aseguraban, precisamente a distinción complicaba os traballos. Mais na parte nova do recinto non hai impedimento algún para o seu axeitado coidado, limpeza e mantemento. Só a desidia do goberno Barral o impide.