O CSIF pretende recurtar o número de delegados de saúde laboral no Concello

Diego Fernádez entregando un premio ao presidente do comité de empresa. Imaxe do Concello

A CIG denunciou que o CSIF, que se fixo co control do comité de empresa do Concello grazas ao apoio da UGT, pretende reducir os representantes do persoal laboral que velen pola saúde e seguridade dos traballadores e traballadoras no Comité de Seguridade e Saúde. Advirte que a pretensión do sindicato vai “mesmo en contra do Convenio colectivo aprobado pola maioría do persoal laboral en asemblea”.

O presidente do comité, Santiago Ois, presentou na última xuntanza do organismo, “restarlle ao persoal laboral un dos delegados de prevención que lles corresponden segundo o Convenio colectivo”, conforme denuncia a Intersindical Galega. A CIG advirte que o propio convenio colectivo, no seu artigo 55, prevé que estes delegados serán “designados polas organizacións sindicais con representación”, que se fará entre os integrantes do comité de empresa e que o número dos mesmos será de 3 delegados, para empresas que teñan entre 101 e 500 traballadores, como é o caso do Concello.

A CIG abstívose na votación da proposta CSIF e UGT “tendo en conta que está de acordo co nomeamento dun delegado por cada un dos sindicatos participantes, non obstante non así con que ao persoal laboral só lle correspondan 2 delegados de prevención e anunciou que tomará as medidas oportunas en contra da decisión do Comité de Empresa”.

“CSIF, como vén sendo do costume empezou a falar de cuestións dos delegados do funcionariado que para nada veñen ao caso no Comité de Empresa e demostrou que a súa finalidade neste Comité de Empresa non é defender ao persoal laboral, do contrario non loitaría por quitarlle representantes en ningún organismo” denuncia a Intersindical Galega.

A CIG considera que a pretensión de CSIF de reducir o número de delegados de prevención “beneficia ao goberno municipal pola exclusión dun representante do persoal laboral do único sindicato que nos pasado 8 anos ten denunciado na Inspección de Traballo os múltiples incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral que comete esta Administración local”.

Ademais, considera que “beneficia ao representantes dos funcionarios- maioritariamente do propio CSIF que promove a reducción de delegados en persoal laboral- porque lle dá máis representación da que lle corresponde tamén no Comité de Seguridade e Saúde, que terá un representante de funcionarios por menos de 49 traballadores/as fronte ao persoal laboral que terá 2 polo triplo de traballadores”.

“Coa CSIF sempre gaña o funcionariado, no reparto da produtividade, das gratificacións, da negociación dos postos da RPT e na representantividade dos traballadores e traballadoras, porque precisamente esa foi a única finalidade coa que presentaron a candidatura en persoal laboral e así o demostrou hoxe a presidencia do Comité de Empresa” denuncian.