O crego de Betanzos ofrecerá a Semana Santa por youtube

A talla gótica do Cristo dos Mareantes nun desfile da Semana Santa

Sen as procesións que tanto brío colleron nos últimos anos, mais con todos os Oficios que o calendario litúrxico demanda. Sen pisar os templos, iso si. O crego da unidade pastoral de Betanzos decidiu achegar aos seus fieis as celebracións da paixón e morte de Xesucristo a través da popular rede social youtube.

O relixioso, un fan das novas tecnoloxías que xa ofrecía podcast coas súas reflexións ao pouco de chegar á cidade hai anos, anuncia no web das parroquias o horario en que ofrecerá cada un dos oficios. Desde a misa do domingo de Ramos (día 5 ás 12.00 horas), á misa da Cea do Señor (xoves 9 a as 19.00 horas) e a Hora Santa (xoves 9 ás 22.00 horas).

Así mesmo, ten previsto a celebración da Paixón do Señor (venres 10, ás 19.00 horas), o Sermón da Soidade (sábado 11 ás 12.00 horas), a Vixilia Pascual (sábado 11 ás 22.00 horas) e a misa de domingo de Pascua de Resurrección (día 12 ás 12.00 horas). Sen roscón, sen cofrades e sen bicar imaxes ou sacalas en procesión, mais coa devoción debida.

O crego tamén publicado unha oración ao patrono tutelar da cidade, San Roque, avogado contra as pestes, así como unha novena ao glorioso peregrino para pregar pola fin da pandemia.