O Consorcio das Mariñas podería ter que levar o lixo a Sogama a partir do primeiro de ano

María Barral e Santiso Miramontes, presidente e vicepresidenta do Consorcio. Imaxe do Concello

Multiplícanse os problemas para o tándem Santiso-Barral á fronte do Consorcio das Mariñas. Á ameaza de demanda xudicial e cualificación de “okupas” do alcalde de Oleiros súmase agora a expiración do contrato de tratamento do lixo con Albada, a firma que xestiona a planta coruñesa de Nostián.

A UTE Albada negouse a plegarse á exixencia do Consorcio de continuar recibindo e procesando os refugallos dos seus oito municipios alén do vindeiro 31 de decembro, data na que expira a concesión da planta da Coruña. A firma sostén que a planta é propiedade do Concello da Coruña pero que a relación co Consorcio das Mariñas é un simple “contrato mercantil” e rexeita a “prórroga forzosa” que acordou o Consorcio.

As posturas encontradas entre a empresa, que advirte que non tratará os residuos procedentes do Consorcio a partir do 1 de xaneiro, e do ente supramunicipal, que sostén que a empresa ten obrigación de continuar coa prestación do servizo igual que con A Coruña, ameaza con desembocar nun novo conflito. En 2011 os traballadores da planta impediron a entrada de camións do Consorcio, e o ente supramunicipal- que nacera como alternativa de compostaxe diante da incineración que promovía a Xunta mediante Sogama- acordou levar os seus residuos a Sogama.

O Consorcio confía en que a situación “se resolva con marxe para buscar outras solucións”, pero polo momento non hai atisbos de ningunha tentativa negociadora.