O Consorcio das Mariñas advirte que hoxe e o domingo non se recollerá o lixo

Moreas de lixo sen recoller a carón dos colectores soterrados do Campo. Imaxe de arquivo.

Xoves Santo e Domingo de Pascua. Son as dúas datas marcadas en vermello no servizo de recollida do lixo. O Consorcio das Mariñas advertiu que eses dous días non se retirará o lixo, solicitando á poboación dos seus oito concellos que non tire o lixo eses días e que o faga nos días de retirada a partir das 20 h, para evitar as molestias que poidan producir os colectores abertos.

Para compensalo, reforzará o servizo o Venres Santo, cando tamén recollerá enseres voluminosos con preaviso, e retirará de xeito ordinario o lixo na xornada do sábado. O ente supramunicipal recorda, asemade, a necesidade de deixar abertos os colectores do lixo para reducir as posibilidades de contaxio e de deixar os refugallos en bolsas pechadas.