O Consello de Contas suspende a política ambiental do goberno Barral

Os edís de Urbanismo, Andrés Hermida (esqda) e medio ambiente, Jose Lagares

Un informe do Consello de Contas ven analizar a política ambiental dos concellos galegos de máis de 10 000 habitantes no bienio 2017-18. O documento, que foi remitido ao Parlamento, pode consultarse publicamente. O ente fiscalizador arroxa como conclusión deste informe que nas 53 localidades analizadas, nas que viven dous terzos da poboación galega, “produciuse unha escasa asunción de compromisos ambientais e un desenvolvemento incompleto das actuacións de planificación ambiental”.

Os incumprimentos comprenden tanto a carencia de normativa, a falta de actividades de concienciación para a veciñanza ou de educación ambiental., así como a ausencia de inspeccións. O Consello de Contas sinala que, en xeral, “detectouse unha carencia de normativa reguladora propia desenvolvida en ordenanzas locais, a actividade de control ambiental foi moi limitada así como tamén se produciu un escaso labor de sensibilización dos propios traballadores”.

Un dos concellos analizados é Betanzos. E non sae precisamente ben da auditoría ambiental realizada polo ente fiscalizador. De entrada, o goberno local de Betanzos nin sequera respondeu ao Consello de Contas cando o requiriu para que o anterior alcalde, responsable do Concello en parte do bienio analizado, cumprise co seu deber de colaboración e remitise as alegacións que considerase ao Consello de Contas.

A primeira variable analizada é a adhesión do Concello a agrupacións municipais relacionadas co medio. Contas constata que Betanzos non se adherira nin á Rede Española de Cidades polo Clima, nin á de Cidades Saudables nin á de “gobernos locais + biodiversidade”. Só ao “pacto de alcaldes polo clima”. Se ben isto non vai alén de aprobar tal adhesión no Pleno en caso de compartirse os principios destes entes, é unha declaración de intencións. Betanzos nin sequera adheriuse á Axenda 21 local, un pacto que data dos primeiros anos 2000.

Contas constata, na súa auditoría ambiental, que o Concello de Betanzos carece de persoal adscrito a medio ambiente, responsable de políticas ambientais e que ten unha política ambiental reducida a escasos departamentos do propio Concello que non trascende aos propios empregados municipais nin á veciñanza. Tampouco conta cunha normativa ambiental específica e canto fai, segundo o informe, son actuacións de inspección- probablemente as de ruídos derivadas de incumprimentos de horarios de hostalaría, única nova relacionada coa contaminación acústica indexada no web municipal. Nin sequera ten planeamento estratéxico ambiental, denuncia Contas no informe.

O máximo órgano fiscalizador de Galicia tamén comproba que o Concello de Betanzos non concede axudas destinadas a políticas ambientais- derivada do método de concesión de fondos públicos empregado polo propio executivo do PSOE. Si recoñece a formación aos empregados municipais e a reducción do consumo enerxético coa mellora enerxética das instalacións- os cambios de farois convencionais a ledes financiados pola Unión Europea en varias anualidades- pero denuncia que non se reduce o consumo de papel, concedendo que se fomenta a reciclaxe- polo feito de estaren adheridos ao Consorcio das Mariñas, que supostamente composta os refugallos orgánicos. “Betanzos manifesta que introduce cláusulas ambientais en todos os contratos”, recolle o órgano fiscalizador en base aos datos facilitados polo executivo local, que se reducen aos contratos que saen a concurso público, pois nos denominados contratos menores non atende a tales requisitos e son a inmensa maioría da contratación realizada polo executivo socialista segundo datos de Facenda.

En investimento relacionado co medio o informe recolle unha desas subvencións europeas para o cambio de ledes e imputa a investimento ambiental os fondos consignados nos orzamentos ao controvertido paseo polo carrizal de San Xiao, cuestionado ata polo Defensor del Pueblo polo seu impacto na poboación da escribenta das canaveiras. E para iso, recolle que os fondos destinados a medio ambiente e parques e xardíns non foron executados na súa totalidade.