O concerto didáctico “Fíos do querer” chega este sábado 25 de xaneiro a Betanzos nos Sábados miúdos

“Fíos do querer” é un concerto didáctico para nenas e nenos de ata 5 anos por conta de Cé Orquestra Pantasma, da Cooperativa Miudinho. O espectáculo está destinado a nenos e nenas de ata 5 anos e as súas familias e ten unha duración aproximada de 45 minutos. O concerto ten 20 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas dun máximo de dúas persoas adultas. O prazo de inscrición para o contacontos estará aberto en www.betanzos.gal (novas>sábados miúdos) desde o 20 de xaneiro ás 09:00 h ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no correo electrónico ou no teléfono facilitado no momento da inscrición.

O programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados miúdos comprenderá neste ano 2020 nove espectáculos para os máis pequenos e pequenas que ateigarán os sábados de contos, cantigas e lingua para desfrutar en familia. A próxima sesión será o vindeiro 29 de febreiro co espectáculo “Bichocas” de Xarope Lulú e cuxo prazo de inscrición abrirá o día 24 no web municipal.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado nas Oficinas Xerais do Edificio Arquivo, no teléfono 981 770 011 (ext. 2224) ou no enderezo electrónico normalizacionARROBAbetanzos.net.

“Fíos do querer”

A Cooperativa Miudiño nace do mundo da ilusión e dos soños, alimentada de tres grandes paixóns: a infancia, a natureza e o patrimonio cultural, que combinados entre si van dando vida a todo o que fan: música, contos, obradoiros, xoguetes, patios e espazos de xogo.

Acompañados dos seus pais e nais, os máis pequenos e pequenas gozarán de cantigas de primeiras palabras, para abanear, para dar bicos, abrazos, facer palmiñas, o cabaliño etc. É un espectáculo dividido en dúas partes: unha primeira de música para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxectos sonoros feitos a partir de materiais naturais.