O Concello recorre ao BOE para notificar as sancións ao dono da Casa Gótica

Solar que ocupaba a Casa Gótica do rexedor Lopo García de Vilousaz

O goberno municipal tenta sen éxito desde o pasado mes de xuño notificar unha cuarta multa coercitiva de 6000 euros ao propietario da Casa Gótica para forzar a execución dunha orde de reconstrucción da vivenda señorial levantada polo rexedor Lopo García de Vilousaz no século XV e que pasaba por ser o edificio residencial máis antigo en pé de Betanzos. Dado que o dono do solar non recolle as notificacións, o executivo recorreu agora ao Boletín Oficial do Estado e ao taboleiro de edictos para advertir ao propietario que, de non proceder xa á reconstrución deste inmueble catalogado demolido en 2008, o Concello executará os traballos de forma subsidiaria e repercutiralle os custos.

Pechada a vía penal coa absolución do propietario tras denuncialo o Concello pola demolición, o goberno local retomou a vía administrativa para reconstruír o inmoble.O Concello impuxo a primeira sanción en 2012 e, en cinco anos, o dono da Casa Gótica acumulou 18 000 euros coa cuarta multa coercitiva, a última que a lexislación prevé. Isto forza ao goberno local a adoptar necesariamente outras medidas como a execución subsidiaria. Segundo o goberno local, o propietario tan só abonou de momento as dúas primeiras multas, de 3000 euros cada unha. A terceira, de 6000, estaría en vía executiva para reclamar o pago. O goberno local asegurou no seu día que agardaba obter por esta vía todos os fondos necesarios para a reconstrución, valorada en 124 000 euros, evitando ter que sumar fondos municipais á operación. Para execucións subsidiarias o orzamento municipal recolle varias partidas de algo máis de 3000 euros, insuficiente para unha actuación desta envergadura, como denunciou o BNG.

O executivo socialista barallou varias opcións para reconstruír o edificio e mesmo chegou a filtrar que estaba en conversas para a adquisición do solar. De feito, o PSOE recuperou o goberno local en 2011 coa promesa de expropiar e reconstruír a Casa Gótica, unha promesa electoral que despois gardou no caixón. No pleno de 27 de xullo de 2015 Betanzos Novo propuxo retomar a vía administrativa para reconstruír subsidiariamente o edificio, co apoio de todas as forzas agás o PP. Era algo que o propio goberno local xa anunciara en maio de 2014 e no que, aseguraban, estaban traballando silandeiramente. Posteriormente, o 29 de novembro de 2016, a maior das dúas marcas locais de En Marea votou en contra dunha iniciativa do PP para que que o Concello se fixese co inmoble porque “sería premiar ao propietario” porque deixou arruinarse o edificio- aquí o debate plenario. O seu voceiro, Hipólito Pérez, asegurou que o Concello non está para comprar inmobles e preguntou se tería que adquirir todos os edificios arruinados pola desidia dos seus propietarios.

Unha denuncia mal fundamentada permitiu que o derrubamento quedase impune

O 2 de outubro de 2008 o propietario, arquitecto técnico de profesión, demoliu sen autorización a Casa Gótica. O Concello trasladou o asunto á Fiscalía e abriu a vía xudicial. Pechouna a Audiencia Provincial en xuño de 2015 ao confirmar a sentenza que absolvía ao propietario dun presunto delicto contra o patrimonio, pero que recoñecía no fallo que resultaba probado que o propietario “malia coñecer o valor arquitectónico” do inmoble, provocou “un grave dano ao patrimonio histórico”, derrubando e realizando posteriormente a desmonaxte de gran parte da fachada “de xeito sistemático”. Ademais, declara que durante anos e “sen licenza de ningún tipo”, realizou unha serie de “manipulacións que acabaron coa fachada principal desmontada, excepto a parte correspondente ao primeiro piso, mantendo en pé tan só a fachada lateral, apontoada e nun estado deplorable”. A sentenza tamén subliña que o propietario “non efectuou as medidas de conservación oportunas e permitiu o deterioro do inmueble” e que non respectou “as ordes emitidas polo Concello de Betanzos” que desde 2003 viña exixindo actuacións para garantir a conservación do inmoble, mediante actos dictados pola Concellería de Casco Histórico que dirixían naquela altura os nacionalistas.

A sentenza que confirmou a Audiencia Provincial deixa claro que  o edificio, a pesar de estar situado dentro do perímetro do Conxunto Histórico Artístico de Betanzos, protexido dende 1970, “non foi obxecto dunha singular protección” por non ter sido declarado “de forma individualizada” como Ben de Interese Cultural e, polo tanto, conclúe o fallo, “non procede a condena ao acusado como autor dun delicto do artigo 321 do Código Penal”, que persegue a quen “derribe ou altere gravemente edificios singularmente protexidos”. Do mal fundamentado da denuncia interposta polo executivo local deixa unha mostra a propia xuíza titular do Xulgado do Penal nº4 da Coruña ao deslizar no fallo que engade que só entra a valorar os delictos atribuídos pola acusación sen valorar outros posibles,  coma o de “desobediencia”, que non fora invocado pola acusación, o Concello de Betanzos, e que si podería conducir a un castigo ao responsable deste desastre patrimonial.

Ademais, varios expertos en Dereito e Patrimonio cuestionaron tamén o fundamento xurídico da querela, dirixida polo asesor xurídico municipal, ao asegurar que tiña que tela baseado nos delictos previstos no artigo 323 do Código Penal, que non exixe que os edificios estean singularmente protexidos. O Concello optou por utilizar o artigo 321, que se basea nunha “singular protección” coma Ben de Interese Cultural do propio edificio da Casa Gótica que non existe, pois é parte do BIC do Casco Histórico pero non contaba con protección singular. En base a estes argumentos e coa sentenza do Xulgado do Penal nº4 na man, o BNG propuxera outorgar o maior grao de protección singular a outros edificios senlleiros do Casco Histórico, coma a Torre de Lanzós.