O Concello publica a listaxe provisional de concesión de axudas para 180 PEMEs afectadas pola Covid-19

Imaxe da rúa do Rollo, unhas das rúas comerciais de Betanzos

O Concello aprobou 180 axudas a pequenas empresas e autónomos que se viron afectadas na súa actividade diaria pola Covid-19. A listaxe provisional de admitidos foi publicada o pasado lunes 24 polo Concello na web municipal.

En total, presentáronse 287 peticións das que 107 foron denegadas ao non axustarse ás bases da convocatoria. 59 delas por ter o domicilio fiscal fóra de Betanzos; 36 por débedas contraídas coa Seguridade Social ou Facenda; 4 por incumprir outro dos requisitos canto a que a actividade desenvolvida se vise afectada o peche de establecementos disposto no RD 465/2020 de 17 de marzo ou, se non fose o caso, que a actividade tivese unha redución da súa facturación durante o mes seguinte á declaración do estado de alarma de polo menos o 50% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior; 1 por débedas co Concello e 6 ás que se lle pediu máis documentación e non a presentaron. Nun dos casos, a petición de axudas presentouse fóra de prazo. Agora as persoas interesadas terán dez días para presentar as alegacións que correspondan.

A estas axudas sumaranse as que o Concello tamén convocou con fondos da Deputación Provincial e as campañas de promoción do comercio e hostalaría que se porán en marcha en decembro. As axudas deste programa podían chegar ata os 700 euros. Delas benefícianse as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, así como as microempresas que reunían unha serie de requisitos.

Concédese unha cantidade máxima de 500 euros para os autónomos ou microempresas cando a actividade que desenvolvan viuse afectada o peche de establecementos e unha de 300 euros a aqueles autónomos ou microempresas que sufriron unha redución da súa facturación.

Estas cantidades 500 euros e 300 euros increméntanse nun máximo de 100 euros en caso de ter ata 4 traballadores ou traballadoras (inclusive, ademais da persoa solicitante) e nun máximo de 200 euros en caso de ter ata 9 traballadores ou traballadoras (inclusive, ademais do solicitante) a data 1 de marzo de 2020.