O Concello lanza unha programación online polo Día das Letras de Carvalho Calero

Carvalho Calero en Betanzos, na clausura dun curso de galego organizado pola A. C. Betanceira en 1985. Na foto, entre outros, Nacho Taibo, profesor do curso, Xulio Cuns, Alfredo Erias e Xesùs Torres. Foto da AC Eira Vella

O vindeiro domingo 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas, que este ano están dedicadas ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero. “Estas Letras Galegas serán unhas Letras Galegas para a lembranza porque por primeira vez e debido ao confinamento non se poderá a cabo unha programación en vivo que lembre a importancia desta celebración para a lingua galega e difunda a figura do escritor homenaxeado” explica o goberno local nun comunicado de prensa.

A pesar disto, o Concello de Betanzos ten prevista unha programación dixital para difundir a importancia de Carvalho Calero na historia da lingua e a literatura galega, e continuar con algunhas das propostas de dinamización lingüística que se levan a cabo na programación anual.

A partir de mañá e durante estes días arredor do 17 de maio o Concello de Betanzos lembrará a Carvalho Calero diariamente nas redes sociais coa difusión de aspectos fundamentais da súa traxectoria profesional que marcaron a historia da literatura mais tamén da lingua galega.

Igualmente, e retomando a programación dos Sábados miúdos que quedou paralizada pola situación actual realizará nestas Letras Galegas para a lembranza “A hora dos contos miúdos”, e entre o 14 e o 17 de maio difundirá contos nas redes sociais todos os días relatados por contacontos que xa viñeron en varias ocasións e volverán aos Sábados miúdos, e que son ben coñecidos polos pequenos e pequenas que asisten ás actividades deste programa de dinamización lingüística para público infantil que o Concello de Betanzos programa desde hai varios anos.

Ademais, o Concello botará a andar entre o 18 e o 24 deste mes “Un maio de #letrasgalegasparaalembranza”, un concurso en Instagram para celebrar as Letras Galegas 2020 e dinamizar o uso da lingua galega nas redes sociais. A finalidade desta proposta é que as persoas participantes compartan nesta rede social imaxes que lles lembren a lingua galega, un sentimento, unha emoción, unha palabra ou un momento relacionado con ela, acompañadas dun pequeno texto explicativo. Para poder participar as fotos deberán ser públicas e levar os cancelos “letrasgalegasparaalembranza, #galego e #betanzos e haberá dous premios para as fotos con máis “gústame” e máis comentarios. As bases do concurso “Un maio de #letrasgalegasparaalembranza” poderanse consultar no web municipal e nas redes sociais nos vindeiros días.

O executivo local asegura que”tiña previsto un completo programa de propostas arredor do escritor e actividades de dinamización lingüística ao longo de todo o mes que non se poderán levar a cabo pola situación actual da crise santitaria da Covid-19 e que se pospuxeron ata o mes de outubro, en consonancia coa decisión da Real Academia Galega de trasladar o acto de celebración oficial do Día das Letras Galegas para facelo coincidir co 110 aniversario do nacemento de Carvalho Calero nese mes”.