O Concello intentará mañá por segunda vez celebrar a feira coas distancias de seguridade polo COVID

O Concello de Betanzos celebrará mañá a súa feira mensual, mantendo as distancias de seguridade polo Covid-19. É o segundo intento de celebración, pois o día 1, os feirantes abandonaron o mercado indignados coas novas localizacións. Tras isto, o Concello mantivo unha reunión cos representantes dos vendedores para comunicarlles as medidas de seguridade e acordar con eles a localización dos postos.
O Goberno local, ademais, enviou unha carta aos feirantes coas medidas que deben tomar xunto a un mapa coa localización do posto na praza Irmáns García Naveira. Estableceranse catro entradas e catro saídas para evitar aglomeracións. Haberá un dispositivo especial de seguridade con Policía Local, Protección Civil e efectivos de seguridade privada. Os únicos postos que non estarán nesta cita serán os de produtos de segunda man.