O concello de Betanzos suspende todas as súas actividades e pecha os edificios públicos

Imaxe do Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos publicou onte un bando da alcaldesa no que aprobou as seguintes medidas con motivo do Covid-19:
-Suspender onte todas as actividades municipais e aquelas que se celebren en instalacións municipais.
-Suspender as Feiras que se celebran os días 1 e 16 de cada mes, así como os mercados municipais que teñen lugar os martes, xoves e sábados.
-Pechar ao público, ata novo aviso, o centro social de maiores, situado na praza García Irmáns; e o edificio Liceo na zona de exposicións, salón Azul e aula de Cultura.
-Pechar o complexo cultural Santo Domingo, no que se atopa a Biblioteca Municipal; o Museo das Mariñas; a Oficina de Xuventude e a aula CeMIT.
-Na área deportiva, o Concello pechará todas as instalacións municipais como o pavillón deportivo, a piscina municipal, e os campos de fútbol do Carregal.
-Seguindo as directrices da Xunta en materia educativa, o Concello tamén suprimirá as actividades da escola municipal de folclore.
-O Conservatorio Municipal e a escola infantil Santiago de la Fuente, situados ambos no centro histórico, permanecerán pechados desde o vindeiro luns.
-Desde o Concello recoméndase aos veciños/as asistir ás oficinas municipais só en caso de tramitacións urxentes e que non se poidan atrasar; ademais de pedir utilizar os medios telemáticos para realizar as tramitacións oportunas.
-Incídese na necesidade de evitar aglomeracións e seguir as instrucións oportunas decretadas polos organismos competentes e actuar con responsabilidade e facer caso ás medidas de prevención recomendadas.