O Concello anuncia o inicio da obra para estabilizar o muro que queda da Casa Gótica

Imaxe de arquivo do solar que ocupou a Casa Gótica

O concello anunciou o pasado venres que tramita o proxecto técnico para volver levantar a Casa Gótica, considerada a máis antiga de Betanzos. A casa foi derrubado polo seu propietario hai xa 12 anos e aínda non se deu paso ningún para a súa recuperación ou reconstrución. O Concello de Betanzos anunciou o inicio, de maneira subsidiaria é dicir repercutindo os gastos ao propietario, os traballos de estabilización da fachada lateral do número 5 da rúa da Cerca.

Xustifican esta medida «diante o risco de desmoronamento cara á vía pública do muro situado na parte dereita da leira, como se desprendía do informe técnico emitido polos servizos municipais». Tamén explica o goberno de María Barral que «a actuación será subsidiaria con todos os gastos, danos e prexuízos a cargo da propiedade en conformidade co disposto na Lei do Solo de Galicia».

Foi en outubro do 2008 cando o seu propietario derrubou a casa alegando problemas de seguridade. Agora deberá aboar os 22.000 euros nos que se valorou esta actuación, que se realiza seguindo o proxecto técnico de estabilización da fachada lateral da Casa Gótica. O devir para recuperar esta vivenda histórica, que data de finais do século XV, foi sumando atrancos e anos de deixadez.

A obra actual, á marxe do estado do muro, responde a «unha intención clara de recuperar o inmoble» e que a propiedade asuma a súa responsabilidade, indican desde o goberno local. «Non podemos seguir máis tempo soportando unha situación como esta e por iso imos establecer todos os mecanismos que estean ao noso alcance para que se recupere o inmoble», sinalou a alcaldesa, María Barral.

Así mesmo, avanzou que o goberno local iniciou os trámites para a contratación do proxecto técnico «para levantar a estrutura da casa». «A partir de aí buscarase a maneira de levalo a cabo, pero ese ten que ser o primeiro paso, dispoñer dun proxecto técnico que contemple levantar a estrutura da vivenda», prometeu.