O Concello anuncia en plena campaña que reconstruirá a Casa Gótica

Solar que ocupaba a Casa Gótica do rexedor Lopo García de Vilousaz

Solar que ocupaba a Casa Gótica do rexedor Lopo García de Vilousaz

O goberno local de Betanzos anunciou por medio dun comunicado de prensa que a pasada semana aprobou na xunta de goberno retomar a vía administrativa e reclamar ao propietario da Casa Gótica a “reposición da legalidade”, o que ven significando reconstruír a fachada principal, lateral e mais a cuberta da vivenda que no século XIV levantou o rexedor Lopo de Vilousaz e que pasa por ser a decana do parque residencial betanceiro. Segundo informou o executivo local, outorgarán un prazo ao dono para que contrate el a obra pero aseguran que contan con que non o faga.Neste caso, segundo asegura o comunicado do executivo socialista, asumiría o Concello a recostrucción subsidiaria do inmoble, algo que debería resultar relativamente doado se se confirma a versión do propietario e todas as canterías da fachada foron conservadas no solar ben numeradas.

O Concello brigantino chegou a impoñer dúas multas coercitivas de 3000 euros cada unha para tratar de forzar ao propietario a reconstruír o inmoble. Segundo recoñeceu o propio goberno local, ningunha das dúas sancións ingresaron aínda nas arcas municipais. Diante da presión social, trasladada en forma de moción ao pleno polo grupo nacionalista, o goberno local viuse na obriga de recorrer a sentenza de absolución do propietario da Casa Gótica ante a Audiencia Provincial e os servizos xurídicos municipais tamén analizan a posibilidade de reiniciar a vía administrativa, de multas, parada ao iniciarse o proceso penal.