O CIEC leva 24000 euros dunha subvención da Deputación dentro da liña para entidades con museos

A sede da Fundación CIEC é Casa Núñez, proxectada por González Villar

A Fundación CIEC recibirá 24 000 euros da Deputación dentro da liña específica de axudas para fundacións culturais,
dotada con máis de catrocentos mil euros. Un total de vinte e oito fundacións reciben axudas a través da liña de subvencións.

Hai uns anos, os responsables do CIEC criticaron publicamente que a Deputación repartise estas axudas en base a unha convocatoria pública reprobando que se lles quitase a subvención nominativa que levaban. O BNG, responsable de Cultura na Deputación, xa advertira que acabaría coas axudas “a dedo”, que consideraba discriminatorias e avogou por dar as mesmas oportunidades a todas as entidades.

O PSOE aceptou este cambio na asignación de fondos provinciais. Sorpresivamente, en Betanzos os socialistas negáronse a modificar os criterios de reparto do groso de axudas do Concello, que o BNG censura que se dean “a dedo” e que ten provocado encontronazos entre ambas formacións, acabando por multiplicar a cifra que as arcas municipais destinan á entidade.

Entre as finalidades desta orde de axudas cuns criterios e baremos públicos e aberta a todas as entidades interesadas están financiar a catalogación e dixitalización de fondos documentais, programas de actividades ou iniciativas para a difusión cultural son algúns dos obxectos para os que as fundacións e entidades sen fins de lucro que son titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas reciben axuda este ano da Deputación da Coruña. En total, son 405.329,09 € que se reparten entre 28 entidades beneficiarias.

Fundacións dedicadas a grandes figuras da cultura como a Rosalía de Castro, Fernández Flórez, Eduardo Pondal, Manuel María, Eugenio Granell, Torrente Ballester ou Luís Seoene ou outras que xestionan importantes centros como o Museo Terra de Melide, Museo do Pobo Galego Museo Etnográfico da Capela ou o Museo Etnográfico Monte Caxado xunto con outras de nova creación como a Fundación Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas son algunhas das beneficiadas nunha nova edición da liña de axuda da área de Cultura da Deputación da Coruña dirixida a entidades con bibliotecas, museos ou centros de interpretación.

Nesta edición, a área de Cultura destina a esta convocatoria de subvencións un total de 405.329,09 € que se reparten en 28 achegas que van desde os 29.625 € ata os 2.000 segundo o baremo no que, xunto coa puntuación obxectiva, inclúese a valoración dunha comisión técnica externa de persoas expertas.

“Para nós, esta liña de axudas, xunto con outras como as dirixidas a asociacións culturais ou a agrupacións de cultura tradicional e popular, significan unha aposta por afortalar a cultura de base, a que se desenvolve por todo o territorio e dinamiza culturalmente os distintos concellos da Coruña”, sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto (BNG). Entre outras cousas, defende o importante labor que estas entidades e fundacións realizan cos seus programas de actividades que son fundamentais non só para a promoción da nosa cultura senón tamén como referentes de promoción económica e turística.

“Nun momento tan complexo como o que estamos vivindo, é necesario que as institucións se comprometan e apoien entidades que forman parte da nosa cultura e implican a moitas persoas que cada día non só participan senón que crean e se achegan á cultura a través delas e que, neste momento precisan, máis que nunca, do apoio dos organismos públicos”, explica Xurxo Couto.