O centro de saúde adía sen nova data a vacinación da gripe pola falta de previsión do SERGAS

Centro de saúde de Betanzos

O centro de saúde de Betanzos está a chamar nos últimos días a numerosas persoas para cancelar as citas concertadas hai meses para a vacina da gripe. Se desde a pasada semana chamábase a menores de 65 anos, agora tamén se está chamando a pacientes que superan esa idade. Ese colectivo era un dos que se insistiu en que este ano participasen na campaña de vacinación para afrontar a pandemia da covid-19 con menores ingresos hospitalarios por gripe.

Usuarios e profesionais cuestionan a “falta de planificación” dos responsables sanitarios do país diante desta situación. A comezos de mes, a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) denunciou o “desabastecemento” de vacinas antigripais e os problemas na xestión da campaña de vacinación nos centros de atención primaria. O colectivo indicou que a situación empeorou a partir da segunda semana da campaña, desde o 19 de outubro en diante, cando se empezaron a rexistrar as primeiras incidencias.

O “desabastecemento” e unha “planificación inadecuada”, explicaban na altura, implicaron pronto a aparición de listas de espera de dúas a tres semanas para poder vacinarse e desembocan agora no adiamento das citas previamente concertadas. Este colectivo concede que, se ben adiar a vacinación non ten “ningunha importancia” desde o punto de vista epidemiolóxico, pero advirte de que si xera unha “destacada preocupación e ansiedade” na poboación.

Non foi a única crítica ás decisións adoptadas por Feijóo nesta especial campaña de vacinación da gripe. O PSOE denunciou en sede parlamentaria que a Xunta se demostrou “máis preocupada de anunciar as cousas que de facelas ben”. “Chaman a vacinarse a miles de persoas, acumulan as solicitudes nos centros de saúde e logo dinlles que non hai doses”, explicou o voceiro sanitario do grupo socialista.

Do mesmo sentir é a CIG-Saúde, que recorda que os sanitarios da atención primaria “están facendo esforzos importantes para controlar a pandemia, co seguimento dos casos positivos que están nos domicilios, co rastrexo de contactos, coa solicitude de probas e información de resultados, etc. E tamén para manter o seguimento de enfermos crónicos e dar resposta ás necesidades asistenciais da poboación”.

Recordan que para encarar a pandemia e a campaña da gripe a “Atención Primaria xa partía dunha situación de sobrecarga e falta de recursos antes da pandemia” e que “as novas necesidades agudizaron os problemas, o incremento das consultas telefónicas, necesarias para evitar a diseminación do virus SARS-CoV-2 entre a poboación máis vulnerable, puxeron de manifesto que as áreas administrativas dos centros tiñan uns recursos materias e humanos insuficientes, non hai persoal que poida contestar os teléfonos, e en moitos casos non hai nin teléfonos para contestar”.

“A Consellería de Sanidade centrou o seguimento da COVID-19 na Atención Primaria sen dotala de recursos para manter o seguimento do resto das necesidades sanitarias da poboación” denuncia o sindicato nacionalista, que denuncia que Feijóo e o seu goberno “está consentindo que se transmita á opinión pública que a situación xerada na Atención Primaria é responsabilidade dxs profesionais”.