O CEIP Vales Villamarín comunica un positivo por covid19 nun traballador que prestou servizos no colexio

CEIP Vales Villamarín. Imaxe de arquivo

O CEIP Vales Villamarín comunicou na mañá de onte, a través da plataforma abalar, que fora “detectado un caso positivo de covid nunha persoa que estivo realizando traballos no colexio”. Na información achegada ás familias o centro asegura que “a Consellería de Sanidade comunicou ao colexio que non é necesario realizar ningunha actuación co alumnado” debido a que non houbo ningún contacto estreito entre o traballador e os menores.

A nova, que causou alarma e preocupación entre pais e nais, chega logo de que a Xunta pechaase, hai menos dunha semana, unha aula da escola infantil Galiña Azul do Carregal ante outro caso positivo nun dos escolares. O propio goberno local, na única información sobre a situación da pandemia no municipio, sinalara ao centro para atallar os rumores que o situaban na outra escola infantil de Betanzos, de titularidade municipal e baixo responsabilidade directa da alcaldesa.

A evolución da pandemia nos centros galegos mantíñase estable, segundo datos da Xunta, onte, aínda que próxima á liña do medio milleiro de contaxios. As cifras totais rexistran 484 casos e niveis similares ao día anterior e a gran maioría deles séguense dando na área de influencia de Ourense, co 38 por cento, e cun total de 25 aulas pechadas en todo o país.