O bus á praia de Miño no verán do COVID: discrepancias do PSOE sobre o aforo nas praias da comarca

Captura de pantalla do perfil do contratante do Concello.

Hai xustamente un ano, o goberno do PSOE ultimaba a manobra coa que unha nova entidade, recén creada, asumiría as actividades extraescolares no CEIP Vales Villamarín, que desde hai anos xestionaba a ANPA Brigantium e quedaría co convenio que a entidade percibía do Concello. O goberno Barral, de costas á propia ANPA, decidira pór en marcha esta operación asegurando que, contra o que pedía a ANPA e defendía o BNG, non podía asumir a xestión das actividades extraescolares. Non podía poñer en marcha novos servizos que supuxeran custo para o Concello en competencias que a lei non atribuíse expresamente ao Concello, dixeron en todo momento desde o PSOE betanceiro.

A pasada semana, exactamente coa mesma lexislación sobre as competencias municipais que hai un ano, o goberno Barral anunciaba, porén, a posta en marcha dun novo servizo: transporte gratuíto á praia de Miño. Boicoteando coa medida os esforzos do executivo socialista da vila do Lambre e o Baxoi por controlar o aforo da praia Grande reducindo o estacionamento en aras a previr contaxios da covidia.

Tirando da propia lexislación, o Concello de Betanzos, polo seu volume de poboación, non ten competencia en transporte fóra do propio termo municipal. E, obviamente, a praia Grande de Miño está en Miño, outro concello. E con Paderne de por medio. A dous concellos de distancia das lindes do municipio de Betanzos.

E no tocante ao custo para as arcas municipais, se o transporte ao areal miñense é gratuíto para os potenciais usuarios, é porque outra persoa asume o prezo do billete. Suponse que o Concello, dado que anuncia a posta en marcha do servizo insistentemente atribuíndoo a actos do goberno local.

A partir de aquí todo son suposicións. A pesar de que a ordenanza de transparencia e a lexislación sobre contratos do sector público exixe que todos os contratos celebrados por entidades públicas figuren no seu respectivo “perfil do contratante” para que sexan coñecidos cando menos nos seus elementos esenciais pola cidadanía, o goberno do PSOE evitou publicar calquera referencia a esta e outras contratas.

O proceso para contratar a empresa adxudicataria este contrato é, polo tanto, máis opaco do que debera. Nin sequera está publicado o seu custo. Nin figura no perfil do contratante- onde deben figurar ata os denominados “contratos menores” (adxudicados en base a tres orzamentos e acordo, sen proceso de licitación)- nin aparece recollido nas actas da xunta de goberno local a posta en marcha da licitación.

Hai que supoñer, polo tanto, que foi adxudicado mediante decreto da alcaldía, mais en todo caso a contratación debía figurar no perfil do contratante. Sempre e cando, é un supoñer, a Xunta de Galicia autorizase a posta en marcha dunha liña de transporte público que cruza varios municipios, invadindo competencias do goberno galego. Cousa que non figura no web da Consellería de Política Territorial, con competencias en transportes.

Non sería a primeira vez que as contratacións realizadas polo goberno Barral reciben un varapalo dos técnicos municipais. Hai xusto un ano, un demoledor informe da Intervención municipal censuraba que María Barral e os seus edís acometeran contratacións cando non había fondos previstos para elas ou non abondaban os que estaban rexistrados no orzamento.   A funcionaria municipal encargada de velar pola legalidade da xestión económica do Concello advertía hai un ano de que a modificación no orzamento, que corresponde aos capítulos de gastos e ingresos, “vai afectar á estabilidade orzamentaria” do Concello.