O BNG propón un programa comarcal para garantir servizos básicos

BNG CANDIDATOS COMARCA

O BNG presentou hoxe o seu programa comarcal para As Mariñas coa presencia dos candidatos e candidatas dos concellos de Aranga, Abegondo, Bergondo, Coirós, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras e Paderne, ademais de Betanzos.

“Para o BNG as comarcas son instrumentos básicos para contribuír á vertebración territorial do país. As comarcas representan o noso modelo, o máis acaído á nosa realidade. A comarcalización dos servizos é imprescindíbel se queremos conseguir un desenvolvemento equilibrado do territorio”, explicou a responsábel comarcal e candidata á alcaldía de Abegondo, Cristina López. “Betanzos ten que recuperar o seu papel de cabeceira comarcal e tomar a iniciativa na posta en común de servizos e políticas públicas cos concellos da súa comarca”, engadiu.

“Diante do debate provocado polo PP sobre a fusión de concellos, que como estamos comprobando non é solución nin aos problemas económicos nin demográficos, entendemos que a solución aos problemas económicos dos Concellos pasa pola reforma do sistema de financiamento local garantindo fondos suficientes para asumir os servizos que emprestan, por si mesmos ou de forma mancomunada, o que permite menores custos e achegar os servizos a máis persoas”, explicou López.

Comarcalización de servizos básicos

Desde o BNG apostan por Planificación de servizos comarcais para compartir gasto e uso entre varios concellos como o conservatorio de música ou as piscinas públicas, así como a comarcalización tamén dos cursos de formación e plans de emprego e os talleres e cursos de formación ocupacional.

“Buscar unha alternativa comarcal ao tratamento de residuos a SOGAMA ou a coordinación dos planeamentos urbanísticos no referido a usos residenciais, industriais e dotacionais ou de servizos serían algúns dos temos aos que cómpre darlles un tratamento comarcal”, indicou Cristina López. “Non ten sentido encher a comarca de pequenas zonas industriais – por certo, boa parte delas cun baixo nivel de ocupación, como é o caso do Polígono de Coirós- co gasto en dotación de servizos e o impacto medioambiental que isto supón. É necesaria unha ordenación básica do territorio na comarca”.

Xestión conxunta do ciclo da auga

Outro dos puntos fundamentais do programa dos nacionalistas é todo o que ten que ver coa calidade da auga dos ríos e a Ría de Betanzos. “Demandamos a urxente finalización do proxecto integral de saneamento para eliminar os focos de contaminación existentes”, explicou López.

Un centro de orientación familiar para toda a comarca

Para o BNG a igualdade é un obxectivo estratéxico, fundamental na nosa acción política e transversal a todas as nosas propostas. “Dedicamoslle un epígrafe a coordinación das políticas de igualdade entre as que se inclúen a solicitude dun Centro de Orientación Familiar (COF) comarcal ou a constitución dun grupo comarcal de conciliación para avanzar nestas políticas”, explicou a nacionalista.

O programa inclúe tamén propostas de apoio aos sectores produtivos ou sobre normalización lingüística e patrimonio. As nacionalistas explicaron que estas propostas complementan ás que presentarán en cada localidade, xa que afectan a varios ou todos os concellos da comarca e puxeron en valor que presentan un programa supramunicipal.