O BNG propón levar as feiras a máis prazas para potencialas

Unha feira en Betanzos

O BNG defendeu reformular as tradicionais feiras do 1 e 16 de cada mes. “As feiras teñen que volver a ser un elemento de dinamización económica para Betanzos”, explicou o portavoz municipal nacionalista, Henrique del Río. “Hai que aproveitar o seu atractivo para que sexan novamente un estímulo para o comercio local”, engadiu.

“A feira ten que ser unha oportunidade para todas”, explican desde o BNG tras abordar o tema con ACEBE, CHESCASCO e entidades veciñais. Por este motivo, as nacionalistas defenden extender a feira a máis prazas da cidade, para desconxestionar O Campo”. Segundo o BNG, esta medida permitiría diversificar a oferta da feira. “Devolver as chacinerías á praza de Fernán Pérez complementaría o mercado de abastos, e a idea sería replicar ese modelo con outros produtos específicos noutras prazas”, explica o candidato nacionalista.

“Queremos poñer en valor os elementos patrimoniais, históricos e culturais, da feira algo ao que se lle pode sacar moito partido e que actualmente pasa desapercibido e estase perdendo”, apunta o nacionalista. “Poñer en valor un mercado que se remonta á Idade Media e que chega á era de internet”, enfatiza.

Neste sentido, aseguran que “incentivar a compra de produtos locais, promocionar a súa etiquetaxe en lingua galega e recuperar os mercados municipais é un xeito de xerar emprego estábel e de calidade”. “Poñer en valor a produción que se fai en Betanzos, ofrecer a posibilidade de transformar a materia prima nun centro de transformación agropecuaria e de vendela desde aquí”, indica Del Río.

” O comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza, de humanizar as cidades e impedir a desertización das nosas vilas fronte ao modelo das grandes áreas comerciais que proliferan na nosa comarca que levan fóra os beneficios, baleiran as rúas e deixan sen medio de vida a quen producía aquí”, explica.

Estacionamento para feirantes e mellora na seguridade viaria

As nacionalistas delimitarán un estacionamento específico para os feirantes. “Deste xeito, poderán instalar os postos, facer a feira e recoller tendo garantido un lugar para aparcar as furgonetas, liberando o espazo que ocupan nas rúas do centro”, explican.

Ademais, desde o BNG entenden necesario revisar a disposición dos postos na propia praza do Campo. “Hai que garantir acceso de vehículos de emerxencias, paso para persoas en cadeira de rodas ou con crianzas e seguridade para os peóns en torno á saída do estacionamento soterrado”, explican.