O BNG propón levar a Feira Franca ata a Ponte Vella con embarcacións tradicionais

O Photocall que o BNG instalou na rúa da Torre

O BNG propuxo onte singularizar a Feira Franca Medieval coa presenza de elementos da cultura galega que complementan a temática histórica da festa, tales como abrir o recinto da festa ata os peiraos medievais da Ponte Vella para introducir na programación do festexo unha mostra de embarcacións tradicionais e de carpintaría de ribeira ou con deportes tradicionais galegos ou traballos agrícolas tradicionais.

Do mesmo xeito, para darlle pulo á vertente máis cultural da festa, os nacionalistas propoñen recuperar o ambiente das cantigas de amigo e escarnio coa convocatoria duns xogos florais neotrobadorescos.

Son algunhas das propostas que desde a formación nacionalista explican que levan poñendo enriba da mesa máis de 20 anos para facer da Feira Franca Medieval algo diferente á “moda dos mercados medievais”.  Esta tarde presentaranas cun photocall, de xeito que quen se achegue a coñecer estas e outras ideas poderá retratarse como a soldadeira María a Balteira, o escribán e líder irmandiño Xohán Branco ou o frade copista e tradutor Fernán Martíns.

“Escollemos tres persoeiros betanceiros de grande relevo para a historia de Galiza que non son lembrados na programación da Feira Franca”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Precisamente o de poñer en valor persoeiros do Medievo é un dos argumentos que o BNG leva trasladando máis de vinte anos á comisión de festas para facer máis singular esta festa de recreación histórica.

“A aposta polo propio, polo que nos fai diferentes, é o camiño para situar Betanzos, tanto entre as festas medievais como todo o ano: o patrimonio e a historia é o que nos fai únicas”, insiste Del Rio.

Neste sentido, o BNG tamén decorou a súa sede comarcal, como outros anos, para a viaxe á Idade Media. “Betanzos, capital do reino de Galiza” é o lema dun estandarte que decora a fachada xunto coa reprodución dun dos escudos máis antigos que se conservan do país, situado na betanceira Porta da Vila. “A Historia da cidade e do país debería ser a base desta festa de recreación histórica, e non os tópicos de Hollywood sobre a Idade Media con cortes señoriais, bailes cortesáns e torneos”, explican desde o BNG.

As nacionalistas achegarán as súas propostas nun orixinal díptico que leva unha breve biografía tamén da Balteira, Xoán Branco e Fernán Martíns. Será na rúa da Torre, baixo a sede comarcal, o venres de 19 a 21 h e o sábado de 12:30 a 14h.

Reservar rúas para ceas medievais de cuadrillas

O BNG propón crear incentivos para que a veciñanza participe na propia festa, alén de se vestir de época ou participar nas escenas teatrais que coordina o Concello. Neste sentido, propoñen que se permita ás cuadrillas reservar espazo nas rúas para organizar xantares populares.

Xunto a isto, as nacionalistas cren que se deben promover desde o Concello concursos de baixos decorados, de receitas medievais, licores, fotografía, o propio cartel anunciador da festa, etc e mesmo fomentar que a veciñanza se vista de época durante o evento coa organización previa de obradoiros de patronaxe ou concurso e premios para deseños ou reproducións de vestimentas de códices ou sartegos da época. Suxiren, ademais, implicar ao comercio na decoración do Casco Histórico.