O BNG presentou o primeiro dos seus vídeos electorais de campaña

O BNG presentou onte o primeiro dos seus vídeos electorais de campaña centrados nalgunhas das propostas do seu programa electoral. No primeiro vídeo recóllese a demanda dun centro de día público para Betanzos no edificio do antigo ambulatorio.

O candidato á alcaldía do BNG, Henrique del Río, sinalou “é inadmisíbel ter un edificio público sen uso e abandonado no centro de Betanzos mentres carecemos de servizos públicos tan necesarios na nosa comarca como un centro de día”.

“Desde o BNG levamos anos demandando que o Estado transfira o edificio ao concello para poder darlle uso e ter os servizos que a veciñanza precisa. Con este vídeo queremos chamar a atención sobre a desatención dos servizos sociais ás persoas dependentes, non só en Betanzos, se non en toda a nosa comarca”, engadiu.

Este vídeo forma parte dunha serie de videos electorais que tamén tratarán outras demandas do BNG como o saneamento integral da Ría, a posta en valor do Casco histórico ou a rehabilitación do Pasatempo.

O PP presenta a Cecilia nun vídeo

O PP publicou tamén un video electoral no que presenta a Cecilia Vázquez. O obxectivo parece ser acercar e dar a coñecer á candidata conservadora.