O BNG pide mudar xa o planeamento para evitar edificios sobre a Fábrica da Luz

Imaxe actual da fábrica. Cedida polo BNG

O BNG demandará no Pleno que o Concello inicie urxentemente a revisión das normas subsidiarias en vigor para eliminar calquera posibilidade de construír bloques de pisos sobre a fábrica da luz. A iniciativa das nacionalistas chega logo de que Naturgy recorrese a catalogación da fábrica da luz, monumento industrial proxectado por López Cortón e González Villar entre finais do XIX e inicios do XX.

“Levamos décadas demandando a catalogación desde edificio, convencidas da súa singularidade e valor patrimonial” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. “No BNG estamos convencidas de que é un lugar óptimo para celebrar actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel” abundou.

O BNG defende desde hai lustros que a Fábrica da Luz pase a acoller actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel. “Patrimonio, na súa resolución, recoñece que o edificio é singular tanto pola autoría, como polo emprazamento e por ser das primeiras fábricas de electricidade do país” relata o candidato á alcaldía do BNG.

“Coa adquisición da Fábrica da Luz realmente estase ordenando a beira do Mendo, recuperando o patrimonio, creando equipamentos e freando a especulación dunha multinacional” abunda Del Río.

“Por este motivo vemos con preocupación como a empresa propietaria teima en buscar todas as vías para privarnos ás betanceiras deste anaco do noso patrimonio histórico e cultural”, asegurou. “Cada día que pasa sen adoptarse decisións de calado, estase permitindo que se bote un pouco abaixo o edificio” engade o portavoz municipal do BNG, que insiste en que “temos instado mesmo a adquirir a finca por calquera das modalidades previstas no ordenamento”.

“Cremos que pechar calquera posibilidade de promoción inmobiliaria na finca pode desincentivar moito as pretensións da empresa propietaria por botar abaixo o patrimonio das betanceiras”, engade.

Cambiar de proveedor de enerxía para que non saia “gratis” tirar o patrimonio

Neste sentido, o BNG demanda que “non lle saia gratis a Naturgy querer tirar o noso patrimonio”. Recorda que a empresa leva dos contratos eléctricos do Concello de Betanzos en torno a 800 000 euros ao ano, segundo as contas xerais.

“Pedimos que o Concello mude de provedor, que a eléctrica acuse na súa conta de beneficios a consecuencia de querer deixarnos sen un edificio único no país coma este”, detalla.

“Nós temos claro que o edificio é un lugar inmellorábel para acoller actividades culturais, veciñais e poñer en valor a historia e o que supuxo a fábrica da luz para Betanzos”, engade. “E agotaremos todas as posibilidades para que o edificio pase a propiedade pública para facer isto realidade”, conclúe o candidato do BNG á Alcaldía.