O BNG pediu ao goberno local que rectifique as bases do torneo San Roque para permitir participar equipos mixtos

O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun acto no Cantón. Foto Arume

O BNG pediu ao goberno local que rectifique as bases do torneo San Roque para permitir participar equipos mixtos. “Soubemos onte, despois das queixas da ANPA O Carregal do IES Francisco Aguiar que non se permitiu inscribirse no torneo a un equipo mixto formado polo alumnado do instituto, tratándose ademais dunha proposta que partiu do propio alumnado”, explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río.

“Segundo soubemos, o goberno local asegura que as bases aprobadas para o torneo impiden a participación de equipos mixtos, por iso pedimos que rectifiquen as bases” explica Del Río. “Non son ningún texto legal, non hai nungún impedimento máis alá da propia vontade para facelo”, engade.

“Pensamos que unhas bases dun torneo non poden coartar a iniciativa das rapazas e rapaces que queren participar xuntos, dando unha lección de que a sociedade, por sorte, vai por diante da administración” abunda o portavoz municipal do BNG. “O goberno local ten que escoitar as demandas dos alumnos e alumnos, primeiro por unha cuestión de participación e segundo e sobre todo por un tema de igualdade de xénero”, engadiu del Río. “E sobre todo, o goberno local ten que saber estar á altura da sociedade e do tempo en que vivimos”, insistiu.

“Igualdade non é só crear categorías femininas e masculinas senón permitir que rapaces e rapazas poidan participar xuntos das actividades deportivas como iguais” recordou Del Río. “Polo tanto pedimos ao goberno local que empece a dar pasos para demostrar o seu compromiso coa igualdade de xénero e a participación veciñal e modifique algo tan sinxelo como as bases dun torneo deportivo, porque senón está a demostrar que o plan de igualdade é papel mollado”, concluíu o voceiro nacionalista.