O BNG pedirá que o Pleno respalde a demanda de nacionalización de ALCOA

O BNG defenderá no Pleno que se demande ao goberno español a intervención de Alcoa para retornala ao ámbito público, nacionalizando a planta, para así manter os postos de traballo que dependen da mesma. “Estes días é actualidade a factoría da Mariña, pero na Coruña hai outra planta que foi desta empresa cos mesmos problemas, e nela traballan moitos veciños de Betanzos e a nosa comarca”, recordou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“O principal problema que ameaza a viabilidade da empresa son os altos custos da enerxía eléctrica, que resulta imprescindíbel para a produción na planta de aluminio” recordan as nacionalistas na súa iniciativa. “Algo que parece mentira nun país que produce moita máis electricidade da que cosume” ironiza Del Río, que lembra como “sen ir moi lonxe, o Mandeo está cortado por varios aproveitamentos eléctricos, e así todos os ríos do país”.

Por este motivo, as nacionalistas demandan tamén unha tarifa eléctrica galega, que permita tirar partido do papel de Galiza como exportadores de enerxía. “Soportamos os custes ambientais desa produción, polo que sería de xustiza, que en compensación, o territorio galego puidese regular o seu propio marco enerxético e que o custe fose menor para as súas industrias e consumidores en xeral” abunda o edil do BNG.

Declaración institucional polo día do orgullo

As nacionalistas tamén propoñerán no pleno que a Corporación Municipal realice unha declaración institucional consensuada co resto dos grupos rexeitando calquera tipo de violencia ou discriminación por motivo sexual e defensa da diversidade e liberdade sexual das persoas e que se coloque a bandeira do orgullo no balcón da Casa Consistorial.

“Este ano non van poder ter lugar as marchas e manifestacións do Orgullo LGBT, cando menos do xeito habitual e xustamente, por esta mesma razón é imperativo seguirmos a visibilizar os obstáculos e as discriminacións que continúan a asolar a vida das persoas LGBT e pórmos ao seu dispor todas as ferramentas precisas para axudalas a superaren, na medida do posíbel, as consecuencias da LGBTfobia” abundan as nacionalistas.