O BNG levará novamente a pleno as carencias de persoal do centro de saúde

Centro de saúde de Betanzos

O BNG levará novamente ao Pleno as carencias de persoal do centro de saúde do Carregal durante os dous últimos meses. “Como cada vez que hai períodos vacacionais, a Xunta négase a cubrir a falta de persoal, condenándonos a un servizo precario ou a ver como citas, revisións e probas son adiadas ou derivadas á Coruña”, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Desde o BNG indican que esta situación vense repetindo nos últimos anos “froito dos reiterados recortes orzamentarios do goberno do PP na Xunta”. Explican que esta situación, unida ao deterioro das instalacións, “incide negativamente na calidade da atención, como demostran as queixas continuas que trasladamos aos Plenos e das que nos fixemos eco nos últimos anos”.

“Desde o ano 2012 vimos advertindo dos recortes nos servizos de pediatría, no de matroa, xinecoloxía, saúde mental….” repasa Henrique del Río. “Isto obriga aos restantes médicos a asumir a atención dos pacientes que quedan sen médico ou a derivalos a outros centros de saúde ou hospital na cidade da Coruña, contribuíndo a colapsar os servizos de urxencias con cousas que en principio non terían que acabar aí”, relata.

Este verán, recordan desde o BNG, ao non haber servizos de pediatras en Miño os usuarios eran obrigados a buscar atención en Bergondo, cando o servizo en Betanzos estaba sobrepasado por funcionar coa metade de persoal ou a cubrir outras ausencias. “Esta situación é deplorábel, a Xunta compórtase como se as doenzas entenderan de vacacións e obrígase ás nosas veciñas a unha peregrinaxe polos centros de saúde da comarca” ironiza Del Río.

“Temos dereito a ter un servizo sanitario público de calidade porque, entre outras cousas, estamos pagándoo cos nosos impostos, que se perden en cousas menos necesarias” engade o edil do BNG. “A Xunta ten que cubrir as baixas e vacacións para garantir a calidade do servizo, pero o Concello non pode permitirlle ao goberno galego esta situación nin un minuto máis”, engade. “Por desgraza, non temos constancia de que o goberno local se dirixise á Xunta exixindo que poña fin a esta situación en ningunha das ocasións en que trasladamos o asunto ao Pleno”, lamenta o voceiro nacionalista.

Batería de iniciativas no Parlamento

Desde o BNG anticipan que trasladarán novamente o asunto ao Parlamento para exixir á Xunta que poña fin a esta situación debido aos prexuízos que xenera para as betanceiras e veciñas da comarca das Mariñas.