O BNG emenda os estatutos da nova Mancomunidade esixindo que a asemblea de edís controle a dirección

Os edís do BNG na comparecencia na que anunciaron a súa postura. No centro, a betanceira Amelia Sánchez, na dereita da primeira fila, o bergondés David Carro.Se a principal crítica do BNG ao Consorcio das Mariñas é que era un club de alcaldes onde estes facían e desfacían sen transparencia e sen render contas aos plenos, estaba bastante cantado que as emendas dos nacionalistas aos estatutos da nova mancomunidade habían ir por aí.

E non só Un total de 17 alegacións ao texto inicial dos estatutos da nova Mancomunidade das Mariñas son ás que presentou o BNG. O documento inicial, aprobado o 20 de outubro na asemblea de edís celebrada na Reitoría da Universidade da Coruña, adoece, segundo o BNG, do “absurdo de pretender avanzar na unidade metropolitana sen a cidade cabeceira, A Coruña, ou concellos tan importantes como Arteixo”.

Os nacionalistas, coas súas emendas, pretenden que “o novo ente teña un funcionamento máis áxil, claro, democrático e transparente”. “Débese asegurar estatutariamente que prime a xestión directa dos servizos sobre as externalizacións” advirten. Do mesmo xeito, demandan unha maior concreción e claridade na asunción e delimitación de competencias, promovendo que áreas como mobilidade, turismo, urbanismo, emerxencias, emprego e igualdade pasen a figurar dentro do abano  de actuación do novo ente.

Para o BNG a colaboración supramunicipal debe ser consistente na súa cimentación e seguridade legal e xurídica, evitando erros do pasado e o presente, pero flexíbel e adaptábel aos ritmos, necesidades e realidades de diversos concellos, por eso propoñen que se explicite o dereito dos concellos a colaborar con outros municipios que non formen parte do novo organismo ou a crear alianzas entre parte dos xa integrantes coa forma e natureza que estes consideren.

A formación nacionalista tómalle a palabra á presidencia do cesante Consorcio na última asemblea de concelleiros e, xustamente, aposta por lle dar protagonismo á propia asemblea de edís como órgao principal de goberno e fiscalización do ente, promovendo medidas de control e dación de información e contas, que faciliten un funcionamento máis democrático e transparente dun ente que, non sendo ademáis de elección directa pola cidadanía, corre o risco de nacer con serios vicios de opacidade e oscurantismo.

Finalmente, os nacionalistas defenden a subrogación do persoal do actual Consorcio, sempre, iso si, “dentro da máis estricta legalidade, tentando evitar a consolidación de enchufes e dedazos”.