O BNG demandou no Parlamento atallar a falta de persoal no centro de saúde

Centro de saúde de Betanzos

A deputada do BNG, Montse Prado denunciou no Parlamento a carencia de persoal sanitario na comarca das Mariñas e que afecta aos concellos de Abegondo, Aranga, Betanzos, Bergondo, Coirós, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras e Paderne.

Prado denunciou o “crecente deterioro” sanitario da comarca que achacou a unha decisión política dos gobernos do Partido popular. Por outra banda, trasladou ao Parlamento, a inquedanza dos veciños e veciñas polos recortes en sanidade que dende hai anos afectan de maneira grave ao persoal, atención ás persoas usuarias do sistema sanitario público e as infraestruturas.

A comarca das Mariñas, dixo a deputada do BNG, ten sufrido nos últimos anos a “non substitución de profesionais sanitarios, colapsos nos servizos, servizos eliminados e continuos incumprimentos de compromisos para arranxos e construción de novos centros”.

En agosto de 2012, lembrou Prado, o BNG xa preguntou no Parlamento polos recortes na área de pediatría do centro de saúde do Carregal, en Betanzos, área de referencia para a poboación de Coirós, Paderne, Aranga e Irixoa e criticou a decisión da Consellería de non cubrir as vacacións de verán, “da única pediatra do centro betanceiro”. Esta situación, dixo, non é puntual xa que o SERGAS tampouco cubre “permisos, baixas e licenzas” o que obriga a outra pediatra ou médicos e médicas de familia de Betanzos “a asumir a atención dos nenos e nenas que quedaron sen a súa pediatra. Esta situación, dixo, non é puntual, tamén se está a producir nos servizos de matrona, Xinecoloxía e resto de consultas.

A Pediatría, matrona, xinecoloxía hai que engadir que a finais do 2017 a falta de cobertura en Betanzos das vacacións do persoal de urxencias psiquiátricas, obrigou a pechar o servizo e derivar pacientes ao CHUAC até o pasado 9 de xaneiro.

É evidente, recalcou a nacionalista, que esta situación contribuíu ao colapso do hospital coruñés pero estes problemas, tampouco “ son puntuais, ou esporádicos”, xorden en vacacións , verán, Semana Santa, Nadal, épocas que non acostuman a substituír persoal e de facelo, “non tódolos días”, e en xornadas de 3 horas. A deputada estendeu a falta de substitución do persoal médico tamén ao ámbito do persoal administrativo.

Desprazamentos aos servizos de urxencias da Coruña, colapsados

“O deterioro progresivo dos diferentes servizos do centro de saúde de Betanzos obriga a botar man, dos servizos de urxencias, con desprazamentos ao hospital Teresa Herrera co conseguinte colapso das urxencias”. Para a deputada, a Consellaría debe asumir que a falta de coberturas das vacantes no centro do Betanzos provoca problemas para todas as persoas usuarias da comarca obrigando a desprazarse nalgúns casos, como o de Aranga, máis de “3 cuartos de hora até o centro do Ventorrillo”.

Isto acontecía no mes de agosto e apenas un mes e medio máis tarde, “o SERGAS derivaba pacientes do centro de saúde da Castelanada ao centro de saúde de Présaras, no concello de Vilasantar.

Finalmente, a nacionalista afirmou que a finais de ano os centros de saúde de Aranga estiveron sen médico na metade do tempo de apertura durante tres días polo que preguntou se a Xunta vai proceder a cubrir as prazas do persoal na Comarca das Mariñas para prestar unha asistencia sanitaria de calidade así como garantir a cobertura “permanente do servizo de Pediatría” no centro de saúde de Betanzos.

O PP asegura que está “garantida” a asistencia, sen entrar na calidade do servizo

Pola súa parte, o director xeral de Asistencia sanitaria, Jorge Aboal respondeu que a cobertura sanitaria da comarca está garantida ao que a nacionalista reiterou a “falta de persoal en pediatría” e noutros servizos e lamentou que o responsable de Sanidade no anunciara ningún compromiso para tranquilizar a veciñanza da comarca e mellorar os servizos asistencia sanitaria.