O BNG demanda no Pleno que se cubran as baixas na escola infantil

A escola infantil municipal está nas Escolas Jesús García Naveira ou de San Francisco

Novamente as carencias de persoal dun servizo municipal recalarán esta noite no pleno. E novamente, nun servizo sensible como é a escola infantil. Chegarán da man do BNG, que demandará no Pleno a cobertura das baixas na escola infantil municipal.

“Polo que sabemos, a pasada semana había dúas traballadoras de baixa, esta aínda está unha e o goberno local non cubre estas ausencias para garantir un servizo de calidade”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Isto tradúcese, obviamente, en que se incumpre a ratio alumnado/docentes de maneira case constante”, abunda. Desde o BNG recordan que a propia Inspección de Menores exixira hai anos ao goberno local que tomase as medidas necesarias para restablecer o número legal de alumnado por aula e docente. “O problema da falta de persoal na escola infantil municipal foi unha constante en toda esta lexislatura pola falta de determinación do goberno local”, reproba o voceiro do BNG.

As nacionalistas explican que, ademais, a consecuencia da falta de persoal que padece o centro municipal desde hai anos, está pechado en horario de tarde. “Estase deixando á veciñanza sen un servizo necesario para poder atender obrigas laborais e familiares e facendo fraco favor á conciliación” explica Henrique del Río.

“O problema non é novo” lamenta o candidato á alcaldía do BNG. “Nos últimos anos e durante meses, desde o BNG presentamos insistentemente unha moción demandando a cobertura urxente das vacantes neste servizo, no que se resolvía o proceso de formación das novas listas de substitución aberto tras a primeira moción que presentamos sobre este asunto” recorda. “E o problema segue sen resolverse”, engade.

Sen listaxe de substitución para docentes

María Barral segue sendo a concelleira de Servizos Sociais, e dela depende a escola infantil municipal

Neste sentido, cuestionan que o goberno do PSOE, tras insistirlles desde o BNG en cubrir as baixas na escola infantil, realizou un proceso selectivo para facer listaxes de substitucións para técnicas. “Pero temos baixas en profesorado que non se poden cubrir porque non as fixeron para profesorado”, apunta. “Algún interese terán en seguir a deteriorar o servizo público da escola infantil ata este punto”, ironizan.

“Temos claro que Betanzos debe ofertar prazas públicas de escola infantil suficientes para a veciñanza, algo que agora mesmo non se garante” explica o voceiro do BNG. “Ter escolas infantís abondo é a mellor política que pode facer un goberno contra a perda de poboación”, abunda Del Río.