O BNG de Betanzos vota en contra da aprobación da conta xeral de 2019, aprobada co voto a favor do PSOE

Amelia Sánchez é a voceira do BNG

O BNG votou onte en contra da conta xeral de 2019 que o goberno local levou a un pleno extraordinario celebrado na pasada noite e na que o executivo socialista deu tamén conta dos reparos da intervención municipal para ese ano. O BNG de Betanzos presentara xa varias alegacións ás contas, polo desmesurado gasto en protocolo e propaganda mentres quedan sen cubrir as necesidades da veciñanza de Betanzos.

En palabras de Amelia Sánchez, voceira nacionalista, “a Conta Xeral de 2019 é un retrato clarísimo das prioridades do PSOE, que ten maioría absoluta. Amosa en que e canto decide gastar sen ter en conta opinión ou proposta algunha da oposición, ignorando que tamén representamos unha parte da nosa veciñanza e trasladamos ao Pleno as súas demandas”. Así, amosa un gasto en “atencións protocolarias”, é dicir, en protocolo, agasallos, pinchos, convites e demais de 135.776, 88 euros -14 veces máis do que aparecía no orzamento municipal levado a pleno-. Igualmente, recolle un gasto de 43.966, 91 euros en publicidade.

No entanto, para as nacionalistas o aspecto máis preocupante desta conta xeral é o das partidas que non se executan. A protección e xestión do patrimonio é o exemplo máis claro: con 835 817 euros para investir na recuperación do patrimonio histórico, deixaron sen usar 749 343 euros. Non investiron nin a décima parte do que podían, mentres o Pasatempo, o casco histórico e outros elementos patrimoniais continúan nun estado lamentábel.

Nesta mesma liña, Sánchez destaca que deixaron de adxudicarse 30 000 euros en bolsas de estudos ou 40 000 euros en emerxencia social, como se en Betanzos non houbese veciñas que estivesen a pasar apuros.

Na mesma sesión, tamén se informou dos reparos da Intervención á mencionada conta, uns reparos que, segundo as nacionalistas, deixan ben ás claras a actuación caótica e o clientelismo que rexen a forma de gastar do goberno do PSOE en aspectos como a contratación, a xestión do persoal ou a facturación.

As contas saíron adiante co voto a favor do PSOE, con maioría absoluta na Corporación. O PP tamén anticipara o seu voto en contra.