O BNG cuestiona que o PSOE suba a taxa da auga no medio da pandemia por afectar a veciñanza e hostalaría

Amelia Sánchez é a portavoz do BNG

O BNG censurou que o goberno local pretenda aprobar unha subida das taxas do subministro de auga, xusto nun momento en que as familias ou negocios que teñen un alto consumo de auga como a hostalería, están nunha situación crítica. “Parécenos tremendo que xusto no peor momento despois de meses de ertes e peches no caso dos comercios, se suban as taxas o IPC dos últimos 3 anos, escudándose en que a empresa ten dereito a facelo porque o recolle o contrato”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.

“Obviamente se a empresa ten dereito a facelo é porque está recollido no contrato que o goberno ten asinado con Viaqua, nós levamos anos pedindo que se estude a posibilidade da xestión directa do servizo, que sería máis barata e eficiente e ademais evitaría corruptelas, pero o goberno local négase sistematicamente a facelo” recordan desde o grupo que lidera Amelia Sánchez. O BNG explicou que había un compromiso do PSOE de facer unha auditoría deste servizo e estudar a xestión directa do mesmo do ano 2018 que nunca se executou.

“No punto anterior do Pleno propóñennos prorrogar este contrato, sen estudar outras opcións e a continuación afirman que debido ao contrato temos que pagar os veciños e veciñas e os negocios e outónomos esta subida. Desde o BNG pedimos que o goberno asuma o custo desta subida para as familias máis necesitadas ou para os negocios que máis están sufrindo a crise como a hostalería que ademais teñen un alto consumo de auga e que se estude dunha vez por todas a opción de xestionar directamente o servizo de subministro de auga e depuración de augas residuais”, indicou Sánchez.

Subida das taxas da piscina

O BNG denunciou tamén que o Pleno anterior ven de aprobar unha subida do custo da piscina e actividades deportivas, motivada por unha sentenza que daba a razón á empresa concesionaria sobre o seu dereito a subir as taxas. “No BNG levamos anos reclamando que se estude a xestión directa dos servizos mentres o PSOE desde o goberno apostou por privatizar cada vez máis servizos, e agora as consecuencias imolas pagar todos os veciños e veciñas nun momento económico terríbel para moitas familias como o que estamos vivindo”, concluíu.