O BNG censura a “lexislatura perdida” para o Casco Histórico

Praza de Lanzós

Dende o BNG amosáronse críticos co estudo previo para a redacción do PEPOCH presentado polo goberno local. “Levan facendo informes, estudos e plans anos, mais sen tomar ningunha decisión para reverter a situación do Casco Histórico nos últimos anos”, destaca Henrique del Río. O BNG lamentou que o mandato que remata fose “unha lexislatura perdida” para o Casco Histórico. As nacionalistas destacan que o mandato remata sen definir o modelo de mobilidade para a zona monumental.

Enquisa “nun caixón” porque non avala a política do PSOE

“O goberno local fixo unha enquisa, e como o resultado non se axusta ao que o PSOE pretende facer no Casco Histórico tiran coa participación veciñal nun caixón“, resumiu o voceiro do BNG, Henrique del Río. As nacionalistas recordan que co proceso de consulta veciñal aconteceu o mesmo que coas reunións que o executivo local celebrou hai sete anos “esquecidas no fondo dun caixón”.

“Está claro que, logo de 30 anos no poder, o modelo de cidade do PSOE non aposta polo Casco Histórico senón que se basea na súa degradación”, resumen. “Agora plásmanse no estudo previo dun PEPOCH que leva prometéndose oito anos, nos que o PSOE leva deixando pasar o tempo e sen tomar medida ningunha para contribuír a dinamizar o Casco”, detalla Del Río.

Patrimonio como proxecto de futuro

“Nós entendemos que o patrimonio é precisamente o proxecto de futuro para un concello como Betanzos” explica o candidato nacionalista á Alcaldía. “É a locomotora que ten que tirar do desenvolvemento social e económico de Betanzos” detalla Del Río.

“Hai que entender os espazos públicos como lugares democráticos, escenarios da convivencia, da cohesión social e do dinamismo económico” explican desde o BNG. “Espazos públicos nos que ocupan o primeiro lugar as persoas, o colectivo, a accesibilidade universal e non lugares reservados preferentemente a tránsito e estacionamento de coches particulares”, aseguran.

“Temos claro que hai que mudar a maneira de entender o espazo público e a zona monumental, hai que facer que o interese colectivo, a conservación e posta en valor do noso maior tesouro, prevaleza sobre supostos dereitos particulares a circular e estacionar en calquera lado”, matiza Henrique del Río. Desde o BNG salientan que ese é o modelo que “exitosamente temos demostrado en Pontevedra, Allariz ou Ribadeo, tan semellantes á nosa cidade, cada unha na súa escala” e que “poñeremos en marcha en Betanzos despois do 26 de maio”.