O BNG celebra que a declaración BIC do Pasatempo recomende analizar a retirada da pasarela e a estrada

Un intre da concentración de Amigos do Pasatempo

O BNG celebrou que a Xunta tivera en conta as alegacións presentadas pola formación á hora de declarar Ben de Interese Cultural o Pasatempo. “A resolución inicial deixaba fóra cousas coma o peche do parque, con relevos como o da torre de Pisa, e elementos orixinais como a fonte das Catro Estacións, a estatua da Caridade ou o muro orixinal que queda entre o polideportivo e a piscina”, recorda o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “As nosas alegacións contribuíron a que hoxe sexan tamén elementos protexidos”, abunda.

As nacionalistas demandaban á Xunta que contemplase, de cara á conservación do Pasatempo, a retirada da pasarela e a estrada que corre a carón do Estanque do Retiro. A resolución publicada no DOG prevé que o plan de conservación do parque enciclopécico inclúa criterios para a “corrección, modificación ou eliminación de partes non orixinais ou elementos que poidan ameazar a conservación, deturpar a contemplación ou prexudicar a interpretación, en especial a xardinaría e a pasarela e escaleiras metálicas de acceso de implantación máis recente”.

Do mesmo xeito, o plan de conservación exixirá analizar os “efectos do tráfico limítrofe para a conservación do ben e, de ser o caso, medidas e alternativas” así como “o estudo, análise e interpretación dos accesos e percorridos orixinais e o seu estado actual, nas axeitadas condicións de accesibilidade e seguridade”.

“Isto ven dicir que se entende que é fulcral, para conservar o parque, analizar a retirada da pasarela e a estrada, como vimos dicindo desde hai anos”, explica o voceiro do BNG. “Cando fixemos ambas propostas tivemos que as descualificacións do goberno local, e agora resulta que a propia resolución que declara BIC o Pasatempo recolle os criterios que nós defendiamos”, apunta Del Río. “Inexplicablemente, mentres nos alegabamos para protexer máis elementos orixinais do parque e garantir a súa estabilidade e conservación o goberno do PSOE pedía reducir o seu ámbito de protección”, concluíu.