O BNG celebra este sábado unhas xornadas sobre patrimonio no Liceo

Un acto do BNG no Matadeiro

O BNG organiza este sábado unhas xornadas de debate sobre o papel das administracións locais na conservación do patrimonio, co título “Patrimonio e administracións locais”. “Con estas xornadas pretendemos poñer o foco sobre o coidado do patrimonio, que pensamos que é fundamental sobre todo nunha cidade como Betanzos e na nosa comarca. Contamos cun patrimonio riquísimo mais completamente abandonado e pensamos que é fundamental coidar e pór en valor. Ademais de ser un resto do noso pasado o noso patrimonio é unha oportunidade de futuro”, explicou o portavoz do BNG Henrique del Río.

A xornada dará comezo ás 10 h. da mañá no Salón Azul do Edificio Liceo, “construído para ser o arquivo do Reino de Galiza, aínda que despois rematou na Coruña”, engadiu o portavoz nacionalista, “todo en Betanzos ten historia e temos moitísimo que coidar e ensinar”. A benvida e presentación correrá a cargo do portavoz nacionalista.

Os debates xirarán en torno a dúas mesas redondas. A primeira sobre o papel das administracións locais no coidado do patrimonio que contarán coas intervencións de Luís Bará, actual deputado no Parlamento e concelleiro en Pontevedra, un dos artífices do cambio urbano espectacular da cidade, e de Xosé Regueira, deputado provincial de patrimonio e concelleiro de cultura en Carballo.

A segunda mesa de debate tratará do papel dos movementos sociais e da veciñanza na defensa do patrimonio e nela intervirán Juan Manuel Gómez Crespo, da Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos, Daniel Lucas, da Asociación Amigos do Pasatempo, e Carola Casal Chico, da Asociación O Sorriso de Daniel. Para rematar Xesús Torres conducirá un roteiro polo “patrimonio maltratado” .

“Non se pode valorar o que se descoñece, por iso é importante chamar a atención sobre o patrimonio que atesouramos”, explica Henrique del Río. “No BNG estamos convencidas de que o patrimonio é o que fai distinto a Betanzos e é o seu proxecto estratéxico de futuro” conclúe.