O BNG celebra a súa homenaxe a Antolín Faraldo

O BNG celebra hoxe, venres 30 de agosto, a súa xa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo. O acto contará cun recital poético e música ao vivo a cargo da agrupación de música tradicional Kadrou.

A homenaxe, que comezará ás 20:30 h e será conducida por Amelia Sánchez, contará coas intervencións da deputada do BNG Montse Prado, e do portavoz municipal nacionalista, Henrique del Río.

Ademais, unha mostra e folletos divulgativos darán a coñecer a figura de Antolín Faraldo e a súa relevancia na Historia de Galiza. “Resulta sorprendente comprobar como un persoeiro da talla de Antolín Faraldo é excluído da mostra sobre os 800 anos do traslado de Betanzos desde Tiobre e a súa figura non é sequera mencionada en toda a programación desta suposta reivindicación da historia de Betanzos”, lamenta Del Río.

“A figura de Antolín Faraldo continúa a ser incómoda para os herdeiros dos centralistas que el combateu na década de 1840” ironiza.  “Nin ao PSOE nin ao PP interesoulles o máis mínimo difundir o significado da figura de Antolín Faraldo”, censura o voceiro nacionalista.

As nacionalistas lembran que “a placa colocada no seu busto para explicar a importancia da súa figura púxoa o BNG no seu momento en vista da deixadez do goberno local, o mesmo que a exposición de paneis ou os dípticos explicativos e xornadas sobre importancia da Revolución galega de 1846 en colaboración coas asociacións culturais da comarca”.

“Resulta curioso como o goberno local prefire homenaxear e colocar placas aínda hoxe a persoeiros franquistas en lugar de recoñecer que foi un betanceiro quen empezou o movemento que fixo que hoxe Galiza autogoberno”, lamenta. “Claro que o autogoberno que Faraldo soñara para Galiza vai máis lonxe do raquítimo marco competencial que hoxe temos”, ironizou o voceiro nacionalista.