O BNG advirte de irregulridades na xestión dos rexeites de Nostián, que acaban na nacente do Mandeo

O deputado Rivas e edís do BNG na comarca e bacía do Mandeo

O BNG presentou onte a carón do Mandeo a batería de iniciativas que mañá defenderá no Parlamento de Galiza o deputado Xosé Luis Rivas, “Mini”, en relación á contaminación que sofre este río e a situación que está a darse na cabeceira do mesmo, en Sobrado. No acto público de prensentación, no betanceiro peirao das Monxas, estiveron o deputado, a responsábel comarcal do BNG na Montaña, Lucía López, e os voceiros do BNG en Sobrado e Betanzos, Xesús López e Henrique del Río, respectivamente, ademais das concelleiras do BNG nos municipios da bacía do Mandeo.

O voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río, repasou a “triste actualidade destes días, de vertidos que matan fauna e depuradoras que non fan o seu traballo”. Cuestionou que “aínda que o Mandeo teno todo, incluído na Rede Natura e nunha Reserva da Biosfera á que dá nome, as Administracións son incapaces de poñer fin a unha situación estrutural de constantes vertidos fecais e industriais, minicentrais, recheos e unha longa listaxe de agresións”.

“Semella que gobernos municipais e Xunta son incapaces de asumir que esta situación aféctanos directamente a todas, na saúde e nas oportunidades de termos riqueza e benestar a partir dos recursos que o río ofrece desde Sobrado até Miño ou Sada”, abundou. “Vainos a vida en poñer fin a estes vertidos ao Mandeo, en acabar coa situación que está a darse no seu nacemento”, engadiu.

Lucía López, responsábel do BNG na comarca da Montaña, demandou información pública “fiábel e veraz” ao Concello de Sobrado dos Monxes sobre os materiais que se están a botar en vertedoiros autorizados e ilegais nas inmediacións do nacemento do río. “Non é só lixo inerte, son metais pesados, residuos plásticos, envases de todo tipo tirados a saber en que estado”, relatou. “O mínimo que se lle pode exixir a un Concello é que informe á veciñanza sobre algo que está a acontecer no seu municipio”, engadiu.

Xosé Luís Rivas, deputado do BNG no Parlamento de Galiza, explicou que no día de mañá defenderá na Cámara varias iniciativas ante “a preocupación existente en relación coa contaminación das augas fluviais derivadas dos residuos e da xestión do vertedoiro das Pías, que xa no pasado estivo en entredito”.

Segundo o deputado nacionalista, “a situación deste vertedoiro, entre as nacentes dos ríos Tambre e Mandeo é normal que se xere unha importante preocupación social, pois destes ríos extráese auga para consumo humano ademáis de seren importantes enclaves ecolóxicos e culturais que cómpre preservar”.

“Queremos que Nostián funcione axeitadamente e dea compost de calidade ao país”

Cabe lembrar que este vertedoiro, ubicado na antiga canteira das Pías, recolle actualmente os residuos urbanos procedentes da Coruña e da súa área metropolitana, e que a súa xestión xa foi posta en entredito. “Dos iniciais residuos inertes que anunciaron que habería neste vertedoiro, comprobamos agora como se poden atopar residuos moi diversos desde plásticos pasando por metais e residuos orgánicos” salientou Rivas.

“Os rexeitamentos da planta de Nostián que acaban no nacemento do Mandeo non cumpren coa normativa no relativo ao contido de materia orgánica, e o que queremos é que Nostián funcione axeitadamente e ofreza compost de calidade ao país para recuperar as terras de cultivo”, finalizou o deputado nacionalista.

A comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galiza debate esta mesma mañá unha proposición non de lei presentada polo BNG para frear os danos que causa o enterramento de residuos nun área especialmente sensíbel na serra do Bocelo, entre os nacementos dos ríos Mandeo e Tambre. As nacionalistas advirten que a empresa Gestán Medioambiental recibiu a autorización para ampliar a capacidade de depósito no Centro de Tratamento de Residuos Industriais das Pías, en Sobrado, o que lle permite duplicar o volume, cando hai apenas catro anos que se legalizou o vaso actual. “Teñen previsto un novo vaso de 530.000 metros cúbicos máis para depositar rexeites, cando o vaso actual legalizouse daquela maneira”, di Xosé Luís Rivas Mini, deputado nacionalista.

Ampliación dun vertedoiro no nacemento do Mandeo

Segundo o BNG, ao vaso actual réstalle pouca capacidade (aproximadamente, un 20%) e de aí as présas pola ampliación. Mais, Rivas sinala tamén que a presión sobre a planta das Pías vai en aumento. “Antes viñan para aquí os rexeites do lixo dos oito municipios da área da Coruña, pero agora tamén virán os da cidade da Coruña porque a Xunta suspendeu a relación comercial coa planta de Grixoa, en Compostela, que era onde ían até antes do verán”.

Apunta o deputado que parte do problema en Grixoa era que os rexeites [o que queda despois da primeira separación nas plantas de tratamento, ao redor dun 60%] superaban os niveis de carga orgánica e o vertedoiro carecía da autorización para enterrar ese tipo de restos. En marzo, a Xunta advertiu ao Concello da Coruña que tería que derivar os rexeites que saían de Nostián, a planta de tratamento coruñesa, a outro vertedoiro. O elixido foi o das Pías, que presentou unha mellor oferta ca de Sogama. “Como pode Sogama, que apenas fai reciclaxe, cobrar un prezo de 55 euros por tonelada métrica, e Gestán 31 euros con portes incluídos?”, pregúntanse as nacionalistas.

“O que denunciamos é que a Consellería de Medio Ambiente incorre nunha prevaricación, porque se os rexeites non eran aptos para seren enterrados en Grixoa, tampouco o son para As Pías”, advirte Rivas, e engade un elemento máis para xustificar a súa desconfianza sobre a solución que a Xunta ofrece nas Pías. “Gestán tamén recibiu autorización para xestionar lixiviados doutros complexos, e iso sen que se modificase a autorización ambiental, sen que notificara os cambios a Augas de Galiza e o punto no que vai verter, e sen que, polo que sabemos, se mellorasen as instalacións”.

A actividade da CTRI das Pías na serra do Bocelo afecta aos ríos Mandeo e Tambre, que desembocan respectivamente nas rías de Betanzos (lugar elixido esta quinta feira polo BNG para lanzar a alerta) e Noia. “Un suicidio ambiental”, di Rivas.

A lexislación sitúa o límite para enterrar este tipo de residuos nunha concentración de carbono orgánico disolvido (COD) de 800 miligramos por quilo. As analíticas dos rexeites de Nostián superaban eses niveis e levaron a cancelar o seu tratamento en Grixoa, pero non nas Pías, cando a planta de Nostián xestiona o lixo da cidade da Coruña e tamén o dos oito concellos da área metropolitana. En Grixoa, as analíticas deron a alarma. Nas Pías, non. E agora As Pías soportarán toda a carga.

Por iso o BNG demanda na súa proposición dúas medidas inmediatas: a paralización dos vertidos que superan o límite legal de COD, e a suspensión do proxecto do novo vaso.

Pero Rivas explica que esta denuncia quere ir máis alá, e pon o foco sobre a idoneidade do vertedoiro das Pías para o tratamento de residuos orgánicos e tamén sobre a xestión do lixo a nivel de país. “O sistema Sogama non funciona e a Xunta de Galiza non se toma en serio a reciclaxe. Nin fai respectar a normativa, que se conculca continuamente, nin inviste en Nostián. É unha suma de irregularidades e un suicidio ambiental, non só neste caso, senón tamén noutros”.

O deputado do BNG tamén interpelará á Xunta na comisión sobre as razóns da mala xestión en Nostián que dan como resultado rexeites perigosos, e tamén, onde vai parar a compostaxe que se prepara nesa planta coruñesa, que é o elemento de valorización do procesado.