O BNG acusa ao PSOE de usar os medios municipais para facer electoralismo partidista

O logotipo de Radio Betanzos foi deseñado por Luis Galán

O logotipo de Radio Betanzos foi deseñado por Luis Galán

É unha denuncia que habitualmente só aparece nas campañas electorais, mais é xusto recoñecer que non é a primeira vez que a oposición denuncia esta práctica por parte do goberno local que preside Ramón García. Xa se evidenciou no intenso debate da proposta de CxB para privatizar a emisora municipal, cando o voceiro do BNG, Henrique del Río, acusou ao PSOE de ter convertido no pasado a emisora municipal en “Radio Lagares”, crítica compartida polos restantes grupos da Corporación.

Nesta ocasión ven a conta da nota publicada na web municipal e remitida aos medios desde o gabinete de comunicación do Concello na que o alcalde insiste en reclamar a gratuidade parcial da peaxe da autoestrada. “Desde febreiro que se aprobou a moción o PSOE non fixo nada”, asegurou onte o BNG. Nun comunicado, os nacionalistas acusan ao goberno local de facer un “uso partidista de medios de comunicación municipal”.

Os nacionalistas denuncian “que o goberno local do PSOE utilice para facer propaganda política os medios de comunicación municipais”. Advirten de que “nin o gabinete de prensa nin a web municipal son do PSOE, pagámolas toda a veciñanza e teñen que estar ao servizo do pobo, non das comenencias electoralistas do goberno de turno”. Aseguran que “o PSOE usa os recursos do Concello como se fosen do partido socialista, igual que o facía o PP e eles criticaban.

Varias denuncias similares nos últimos tempos

Non é a primeira vez que o BNG denuncia este tipo de prácticas. Revisando o propio arquivo de Xornal de Betanzos, o 5 de maio de 2012 os nacionalistas denunciaban “a publicación na web municipal dunha nova coas emendas aos orzamentos do Estado que presentará o PSOE e a varias novas publicadas no perfil da OMIX na rede social twitter”. Advertían que “non é a primeira vez que isto acontece e recordan que xa o denunciaron no pleno o pasado mes de decembro”.

O PP tamén comparte estas denuncias e o ten manifestado no pleno en varias ocasións. Faraldo reiterou as críticas pola manipulación da radio municipal- que o PSOE criticara tamén estando na oposición.