O Bloque pide ao PSOE que cuantifique o gasto total das arcas municipais na Semana Santa

Vía Crucis baixando a Fonte de Unta. Imaxe sacada da conta de facebook da confraría

Vía Crucis baixando a Fonte de Unta. Imaxe sacada da conta de facebook da confraría

O BNG-Asembleas Abertas demandou no pleno que o goberno local informe “con claridade e precisión” da cantidade total que o PSOE decidiu gastar nos actos de Semana Santa. Ademais da subvención “a dedo” de 2000 euros que o goberno dá á confraría, as nacionalistas piden ao PSOE que concrete e faga público o gasto en concertos, acompañamentos musicais, cartelaría e folletos ou petiscos, entre outros. Ademais, as nacionalistas demandaron ao executivo local que explique por que operarios municipais dedicaron parte das súas xornadas laborais á montaxe destes desfiles relixiosos, así como a instalar elementos da Semana Santa nos edificios municipais e nos campanarios. “Igual que se cuantifica este custo para cobrarlle a taxa de transportes especiais a un transportista, estaría ben saber canto nos custan ás veciñas estas cousas”, explica o edil nacionalista Henrique del Río.

Para as nacionalistas, “sorprende o interese do PSOE en impulsar esta Semana Santa e contrasta co desinterese máis absoluto que amosan cara festas tradicionais e singulares que nos fan distintos como pobo e que están a desaparecer”. “Se cadra, apoiar os maios ou o entroido é ser demasiado galegos para o PSOE, e prefiren a Semana Santa para imitar a Zamora”, ironizan. Desde o BNG-AA lamentan que o goberno local sexa incapaz de cumprir coa “separación entre Igrexa e Estado”. Neste sentido, interpelaron ao goberno do PSOE para que aclare se “considera que debe existir unha separación neta entre Igrexa e Concello” e, de ser o caso, se consideran que as autoridades municipais, que representan a toda a veciñanza, participen en calidade de tais en ritos relixiosos dunha confesión determinada.

Un ano máis, as nacionalistas chaman a atención sobre a presenza de elementos relixiosos e emblemas da confraría da Semana Santa en edificios municipais. “O balcón do Museo ou a Torre Municipal estiveron semanas con elementos relixiosos pendurados e do balcón da Casa Consistorial puxéronse os reposteiros, reservados a actos oficiais” relatan. “O Concello debera ser neutral, garantindo así o respecto a toda a veciñanza con independencia das crenzas que poida ter”, explican. “Mais, ao que se ve, o PSOE continúa noutros tempos, cando as infraestruturas municipais estaban ao servizo dunha determinada confesión”, lamentan.