O Bloque distribuíu buzóns polos barrios para recoller propostas

O clásico buzón de Correos

O clásico buzón de Correos

Un buzón telemático moi pop e outros buzóns a modo de urna distribuídos por locais sociais de barrios e parroquias e locais de hostelería, ademais de encontros sectoriais os pasados meses, foron as formas en que os nacionalistas recolleron propostas para o programa electoral de BNG-Asembleas Abertas. O motivo non é outro que dar cancha de participación á cidadanía. “A participación é un dos piares fundamentais do programa do BNG-Asembleas abertas e queremos comezar a aplicala por nós mesmos”, explicou o candidato nacionalista, Henrique del Río. “Repartimos estes buzóns para que as persoas que queiran facernos chegar as súas propostas, críticas ou suxestións poidan facelo”, remarca.

Os buzóns, ao parecer, teñen xa as horas contadas. “Pasaremos a recoller os buzóns coas propostas dos veciños e veciñas a finais desta semana e incorporarémolos ao noso programa con propostas concretas para cada barrio e parroquia do Concello”, explicou o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río. “Pensamos que ninguén sabe mellor cales son as necesidades dos barrios que a propia veciñanza do barrio e queremos escoitar todo o que nos queiran trasladar”, engadiu.

O BNG-Asembleas abertas está rematando o seu programa que elaborou de xeito participativo, con encontros sectoriais e recollendo propostas de todas as persoas e colectivos que quixeron trasladarllas. O trazo groso das mesmas será presentado mañá nun encontro aberto a mediodía.