O Alfonsetti acollerá un debate para as eleccións o vindeiro venres

Interior do remozado Teatro Alfonsetti

Interior do remozado Teatro Alfonsetti

O inédito Alfonsetti, remozado hai catro anos e practicamente sen uso en toda esta lexislatura que expira, será o escenario o próximo 15 de maio ás 20:00 horas dun debate electoral entre as distintas forzas políticas que concorrerán ás eleccións municipais do 24 de maio. É o segundo debate desta campaña logo do organizado pola Libraría Biblos para abordar o Casco Histórico, ao que o candidato do PSOE á reelección non acudiu pretextando que se debía ao seu traballo de alcalde e non á camopaña.

Nesta ocasión si acudirá o actual rexedor Ramón García, así como os aspirantes das outras catro forzas que concorren aos comicios- José Ángel Rodríguez polo PP, Henrique del Río polo BNG, Hipólito Novo por Son (a marca electoral de Anova e IU para estes comicios) e Alberte Muíño por CxG. O Laboratorio de Raio, entidade mercantil que organiza o encontro, asegura que a cita “pretende así dar a coñecer as propostas dos diferentes partidos dende un formato aberto á presenza de os veciños e veciñas brigantinos”.

O debate incluirá varios bloques temáticos e nun deles os propios veciños poderán facer as súas preguntas cubrindo un sinxelo formulario ao acceder ao antigo refrectorio dominico. “Con este acto, o Laboratorio de Raio pretende achegar a política aos cidadáns a través dun formato que permita a exposición de ideas, a confrontación de diversos puntos de vista e a participación de todos os implicados no desenvolvemento e mellora de Betanzos”. Ademais, poderá seguirse polo web desta entidade privada.