Nunha visita a San Francisco o conselleiro de Cultura anuncia que redactarán o plan director do Pasatempo

Segundo a Consellería de Cultura nesta imaxe o conselleiro está visitando o parque do Pasatempo. Xunta

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou na nosa cidade a igrexa de San Francisco tras a intervención para rehabilitar a cuberta do templo oxival. As obras, nas que a Xunta investiu 350 000 euros, centráronse na mellora do illamento da cuberta, substituída por unha nova composta por pranchas de fibrocemento sen amianto e tella cerámica curva.

Ademais, acometeuse o deseño dun novo trazado da rede de evacuación de pluviais; ademais da revisión do sistema de drenaxe e a análise das pezas de madeira lesionadas do soporte da cuberta, co obxecto de establecer unhas pautas de actuación rigorosas sobre o resto do sistema.

Con esta mesma finalidade de evitar a entrada de humidade no inmoble, a restauración incluíu a impermeabilización dos encontros e puntos singulares con chumbo, o repaso dos rexuntados e a colocación de novas pezas na cornixa. A rehabilitación contemplou, así mesmo, a substitución dos cristais rotos ou perdidos das vidreiras e o repaso xeral do seu selado, así como o saneamento do conxunto dos lenzos de cantaría e a limpeza da vexetación.

No transcurso da visita, o conselleiro anunciou a inminente contratación do Plan director para revitalizar o parque do Pasatempo, que sentará as bases para levar a cabo as actuacións necesarias para garantir a conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural. Destacou o “firme compromiso” da Xunta co parque enciclopédico, que, tal e como subliñou, “quedou xa demostrado co apoio técnico que fixemos para favorecer e facilitar a declaración como Ben de Interese Cultural”. “Agora damos un paso máis elaborando un documento no que se recolla a actual situación do parque e un proxecto específico para guiar cada unha das súas necesidades”, explicou.

A Xunta de Galicia iniciará nas vindeiras semanas o proceso de licitación para a redacción deste Plan Director do Parque do Pasatempo. “Trátase dun proceso de elaboración complexo porque o obxectivo é que este sexa un documento amplo que responda ao que o Pasatempo demanda, así como á complexidade das actuacións que é preciso executar e á magnitude e importancia deste ben patrimonial”, puntualizou.

Ademais do comunicado remitido pola Xunta, o goberno local remitiu outra nota de prensa nun sentido un tanto diferente. No enviado polo Concello, Barral asegura que o anuncio da Xunta sobre o Pasatempo debíase ás solicitudes realizadas polo goberno que preside. Ademais, sostén que os fondos para financiar a rehabilitación do templo franciscano foron achegados polo goberno español.

A situación do Pasatempo chegou aínda hai unhas semanas ao Parlamento de Galicia. O BNG demandaba na Cámara do Hórreo, precisamente, prazos e compromisos concretos para elaborar este plan director. A Xunta viña dicindo que non poñería cartos para rehabilitar o BIC ata que existise este documento.

Anuncios que non callan na rehabilitación do Pasatempo

Mosaicos amoreados. Imaxe da Asociación de Amigos do Pasatempo

A nova, polo de agora, non supón ningunha modificación na situación de deterioro do Pasatempo, pechado ás visitas desde 2018 e sen intervencións de urxencia malia ser Ben de Interese Cultural desde hai dous anos debido á protección que outorgaba provisionalmente a propia incoación do expediente. Durante estas dous longos anos, tanto o goberno galego do PP como o executivo local do PSOE seguiron facendo anuncios de compromisos que distan de ser, polo de agora realidade.

A única cantidade disposta en firme para a actuación segue a ser, de momento, a da Deputación e a que, a raíz dese convenio coa entidade provincial, tivo que dispoñer o Concello para aportar hai un ano. E como o Concello non fixo aínda a licitación das actuacións- nin proxecto hai- seguen por investir no parque enciclopédico.