Un novo desprendemento ameaza a peza central do Estanque do Retiro

O novo desprendemento. Imaxe do Concello

O goberno local informou, hai apenas vintecinco minutos e a través da súa conta na rede social facebook  do derrumbamento dun dos murais que revisten a illa central do Estanque do Retiro, considerado o corazón do recinto histórico do Pasatempo. O comunicado publicado na rede social asegura que o executivo optou por pechar “esta mañá o acceso á zona histórica do parque do Pasatempo despois de que se producise un desprendemento nunha parte do Templete central do Estanque”.

Segundo asegura o comunicado, o Concello informou da situación á dirección xeral de Patrimonio Cultural para que os seus técnicos avalíen a situación e indiquen ao Concello as medidas a tomar con carácter urxente, tendo en conta que é a Xunta, ao iniciarse a tramitación do expediente para declaralo Ben de Interese Cultural, a que pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, debe establecer e autorizar calquera actuación.

O desprendemento desta parte do Templete, que contiña a representación dun barco, produciuse esta mañá coincidindo cos labores de baleirado da auga do estanque. “Estes traballos realizábanse por mor das indicacións realizadas polos técnicos que redactaron o anteproxecto de recuperación do parque e que, entre outras cuestións, expuxeron o apontoamento do Templete e a adopción de medidas de seguridade, mentres non levaban a cabo os traballos de recuperación do mesmo” sostén o executivo local.

“Entre eses traballos figuraba o apontoamento do Templete, que xa se realizou, e diversas actuacións como o selado dalgunha greta (que estaba na zona que hoxe se desprendeu) e outras medidas de seguridade” indican. “Para saber con exactitude o grao de afectación desta greta e proceder ao seu selado era necesario rebaixar o nivel da auga do estanque e por iso é polo que se iniciase onte a baleirado da auga” engaden.

Obras de urxencia por valor de 50 000 euros

“Estes traballos de selado e diversas actuacións de seguridade están contemplados nunha partida de 50 000 euros aprobada no Pleno do pasado mes de setembro para obras de urxencia no parque do Pasatempo, a executar mentres non se contratan os traballos previstos no proxecto técnico de recuperación da zona histórica que redacta a Xunta” relata o executivo local, que puntualiza que agora destinarase ese importe “a realizar os traballos que, segundo Patrimonio, haxa que realizar no Templete”.

Ata este mes de setembro, o executivo socialista non destinara cartos para tarefas de rehabilitación no centenario xardín, malia demandas de entidades como a asociación de Amigos do Pasatempo ou de grupos da oposición.

As contas da Xunta non prevén fondos

“O goberno local anunciou nos últimos días a súa intención de presentar emendas ás presupostos da Xunta para que se inclúa unha partida para O Pasatempo que complete o investimento de 750.000 euros comprometida polo Concello e a Deputación Provincial a través dun convenio” relata o comunicado divulgado nas redes sociais polo goberno local, malia ser incorrecta tal afirmación, posto que o Concello non pode presentar emendas ás contas da Xunta.

“O feito de non contar co proxecto técnico desde un principio atrasou a firma do convenio, aínda que, o compromiso da Deputación co Concello mantense inalterable” sosteñen, explicando que “nos últimos días completouse diversa documentación polo que se espera que a firma poida ser efectiva en breve”.

O BNG reprobou que as contas da Xunta non tivesen fondos para a parte que correspondería ao goberno galego na rehabilitación do recinto hai dous días. Os nacionalistas presentaron o pasado ano unha emenda propoñendo 750 000 euros para obrar no parque, que o PP botou abaixo. En numerosas ocasións destacaron que, ata o pasado 25 de setembro- en que o pleno aprobou 200 000 euros do superavit do pasado ano para a rehabilitación do parque- o único compromiso firme era a da Deputación a través das áreas de Patrimonio, Cultura e Cooperación cos Concellos que xestionan tres deputados nacionalistas.

O peche garante seguridade, mais tamén o control das imaxes

Captura de pantalla da nova do Concello

A decisión do goberno local busca garantir a seguridade no entorno do mural desplomado e tamén evitar que a afluencia de xente poida provocar males maiores na zona danada. Algo que, desde hai tempo, ven advertindo a asociación de amigos do parque, reprobando que se poida pasar a esta illa artificial.

Mais tamén impide que se tomen imaxes do novo derrubamento, debido á súa situación. O goberno local evita así que imaxes como as tomadas en febreiro do ano pasado dean a volta nas redes sociais contribuíndo a poñer en evidencia o abandono de lustros que padece o xardín enciclopédico.

Críticas nas redes sociais

De inmediato o comunicado do goberno local na rede social do efe azulón encheuse de críticas contra a xestión que o executivo socialista ven facendo dos problemas do parque nos últimos anos. A máis repetida, os parabéns cársticos en distintos formatos, que laconicamente denuncian o abandono do recinto.